Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

CCOO vota no CES contra o proxecto de universidade privada

  • Entre outras eivas, o anteproxecto non especifica cales son as titulacións oficiais ofertadas, que non poden ser concorrentes coas que ofrecen as universidades públicas

O Consello Económico e Social de Galicia (CES) emitiu un ditame no que non considera satisfactorio o anteproxecto de lei de creación da universidade privada Universidad Intercontinental de la Empresa, promovida por Afundación (Abanca). Comisións Obreiras (CCOO), xunto con outras organizacións sindicais, emitiu un voto contrario a esta iniciativa, polo que os seus promotores deberán reformulala.

24/02/2021.
O Consello Económico e Social non valorou favorablemente o anteproxecto

O Consello Económico e Social non valorou favorablemente o anteproxecto

Entre outras eivas, o anteproxecto de lei non especifica cales son as titulacións oficiais ofertadas pola universidade privada, que en caso ningún poden competir coas que ofrecen as públicas. Ademais, prevé a impartición dun grao a cargo dun instituto universitario, cando este debe estar destinado a I+D+i, conforme a regulamentación estatal e galega sobre os institutos universitarios.

Segundo CCOO e os sindicatos que apoiaron o voto en contra, a sociedade galega precisa dunha universidade pública de calidade, «como garantía e alicerce do seu progreso e avance», que ha estar, ademais, «suficientemente apoiada pola Administración da que depende e, por extensión, da propia sociedade á que se debe e presta servizo».

A xestión do conxunto do sistema educativo require un tratamento «eficiente e racional» dos recursos. Para iso, debería ter asegurado un plan de financiamento «digno e razoable», aspirando a taxas de investimento «acordes coas dos países desenvolvidos, que lle permitise levar adiante a súa fundamental misión sen precariedade e con mínimas garantías». Isto dista, critican, da situación actual.

«Como dereito fundamental, como ben público, a educación non pode ser unha mercadoría», denuncian os sindicatos, «porque isto atenta contra a igualdade de oportunidades». Aceptar unha universidade privada «é aceptar a venda de títulos universitarios atendendo ao nivel económico, e non aos méritos e capacidades de cadaquén», censuran.

A liberdade universitaria é outro dos piares que sustentan o voto contrario. Para CCOO e outros sindicatos, a liberdade académica apóiase na autonomía universitaria, nas formas de autogoberno democráticas e na relación funcionarial do persoal docente e investigador. «Parece moi difícil que a fundación que se presenta como dona do proxecto [...] poida garantir o dereito a liberdade académica, sen o que unha universidade non pode ser chamada tal», advirten.

Outro aspecto fundamental é que «a investigación non pode separarse da docencia de excelencia», e unha universidade non o é «se non dedica unha gran parte da súa actividade e recursos á actividade investigadora». Neste senso, o proxecto de universidade privada sitúa a investigación como «unha actividade marxinal», mesmo na planificación orzamentaria. «O proxecto non parece máis que unha escola de negocios que quere vender os seus cursos baixo o selo de calidade "Universidade"», critican os sindicatos con dureza.

A creación dunha nova universidade, nos termos en que se propuxo perante o CES, «non vén a cubrir ningunha carencia ou demanda existente, senón que vai competir coas universidades públicas» en diversos ámbitos. Ademais, «todo o proxecto destila un fin», que é o de «formar os futuros traballadores e traballadoras do sector ou mesmo da empresa que sustenta o proxecto»; de feito, a escasa investigación proposta diríxese «a áreas moi concretas de interese para o sector bancario».