Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

Éxito da folga xeral que reclama futuro para Ferrol e a súa comarca

    Os sindicatos CCOO, UGT e CIG cualifican de «éxito» a xornada de folga xeral en Ferrol e a súa comarca, cuxo acto central foi unha manifestación que percorreu este mediodía as principais rúas da cidade departamental. Os polígonos industriais amenceron pechados, o porto e almacéns loxísticos pararon e o transporte funcionou só cos servizos mínimos, os cales acumularon tamén grandes atrasos.

    10/03/2021.
    Cabeceira da manifestación de Ferrol

    Cabeceira da manifestación de Ferrol

    O principal motivo para convocar a folga foi a dramática situación que hoxe en día padecen Ferrol, Eume e Ortegal, que corren o risco de se converter nun ermo industrial. Isto, en opinión de CCOO, «debe servir de alerta a toda Galicia», especialmente agora que, como consecuencia da pandemia, «coñecemos de primeira man a necesidade de contar cun sector industrial forte que, ademais de xerar emprego cualificado e de calidade, impida que sectores esenciais para a nosa economía dependan dos vaivéns das cadeas de subministración internacionais».

    O secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, cualificou de «lóxico» o masivo seguimento da folga nas principais empresas das comarcas afectadas, xa que a situación é «límite». Asemade, salientou que a convocatoria se fixese nun clima de unidade sindical, especialmente nunha data tan significativa como este Día da Clase Obreira Galega.

    Ao longo do percorrido da manifestación víronse mensaxes reclamando solucións para diferentes problemas do sector industrial, como a tarifa eléctrica, a transición enerxética, a eólica flotante ou os biocombustibles. Tamén estiveron presentes as reivindicacións doutros sectores, como os da atención á dependencia, a hostalaría, a fábrica de Alu Ibérica na Coruña (que esixe a readmisión dos traballadores despedidos), Ence (Pontevedra) ou Alcoa (San Cibrao).