Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

Celebrouse na Coruña o xuízo contra a concesionaria do servizo de axuda no fogar de Frades e Ordes

    Os xulgados da Coruña acolleron hoxe o xuízo contra Aralia Servicios, empresa con sede en Valladolid e actual concesionaria do servizo de axuda no fogar (SAF) dos concellos de Frades e Ordes. A demanda de conflito colectivo partiu da Federación de Construción e Servizos de CCOO, que leva meses denunciando diversos incumprimentos do convenio do sector por parte desta empresa, que prexudican as 46 traballadoras que prestan o servizo.

    23/03/2021.
    Ricardo Santos e traballadoras do SAF de Frades e Ordes, ás portas dos Xulgados da Coruña

    Ricardo Santos e traballadoras do SAF de Frades e Ordes, ás portas dos Xulgados da Coruña

    Segundo Ricardo Santos, secretario de Acción Sindical da Federación de Construción e Servizos, antes de chegar a xuízo, o sindicato realizou actuacións previas ante a Inspección de Traballo, así como «infrutuosas» reunións coa dirección da empresa.

    Malia estas xestións, Aralia mantivo os incumprimentos, que foron «reiterados» no tempo, como así constatou a Inspección de Traballo nas súas actas sancionadoras.

    Irregularidades

    Entre outras cuestións, a empresa non respecta a xornada mínima de 25 horas para o persoal que non goza de xornada completa —24 no caso do persoal que traballa as fins de semana e os festivos—. Tampouco se cumpre o descanso mínimo semanal e hai «irregularidades» na confección das nóminas para non pagar o que estipula o convenio colectivo.

    CCOO solicitará a rescisión do contrato

    Nas vindeiras semanas, CCOO solicitaralle ao Tribunal de Contratación Pública a rescisión do contrato a Aralia Servicios e a adxudicación a outra empresa, con subrogación das 46 traballadoras.