Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Unidade sindical para reclamar que a obra do buque ‘Galicia’ se faga en Ferrol

    Os secretarios comarcais de Comisións Obreiras, UGT e CIG en Ferrol dirixíronse por escrito ao Ministerio de Defensa para reclamar que a obra de transformación do buque Galicia se faga nos estaleiros de Navantia. Os sindicatos enmarcan esta reivindicación na liña de traballo unitario das últimas semanas, que tivo a súa máxima expresión na folga comarcal do pasado día 10 para esixir carga de traballo nos estaleiros públicos e solucións para o sector industrial da bisbarra.

    24/03/2021.
    O Ministerio comproulle o buque 'Galicia' á navieira Suardíaz | Foto: Grupo Suardíaz

    O Ministerio comproulle o buque 'Galicia' á navieira Suardíaz | Foto: Grupo Suardíaz

    Do mesmo xeito, emprazan a Xunta de Galicia e a Delegación do Goberno para manter un diálogo sobre os proxectos e investimentos específicos «que poñan freo a este declive industrial e social».

    Transformación de buque civil a militar

    O Ministerio adquiriulle o buque Galicia á navieira Suardíaz a finais do 2020 por 7,5 millóns de euros, co obxectivo de cubrir as necesidades para o desprazamento por mar de tropas e blindados. Actualmente, o buque está na dársena de Bouzas (Vigo), onde está a ser adecuado por Suardíaz antes de entregarllo a Defensa, de acordo coas condicións establecidas no contrato de subministración.

    Dado que o departamento técnico de Navantia foi o que deseñou o proxecto para transformar o Galicia nun buque de transporte militar, CCOO, UGT e CIG coidan que a obra debe acometerse nos estaleiros da ría de Ferrol.

    Non hai carga de traballo prevista para o próximo ano

    As tres organizacións salientan, así mesmo, que non se prevé carga de traballo entre o vindeiro 18 de abril —cando se entregará o buque agora en construción— e o segundo trimestre do ano 2020 —cando comezará a construción das fragatas F-110.

    Este baleiro, alertan, implicaría o despedimento de todo o persoal das industrias auxiliares, que se sumaría aos 2500 que xa perderon o emprego nos últimos dous anos.