Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

Suspendida a pedimento de CCOO a licitación do servizo de atención e limpeza dos albergues do Camiño de Santiago

    O Tribunal de Contratación Pública de Galicia (TACGal) atendeu as medidas cautelares solicitadas pola Federación de Construción e Servizos de CCOO e suspendeu a contratación do servizo de atención ao peregrino, limpeza e xestión de cobramento nos máis de setenta albergues públicos e puntos de información. O sindicato, que denuncia «erros graves» na parte económica dos pregos de contratación, congratúlase da decisión, que non afecta ao prazo de presentación de ofertas.

    07/04/2021.
    Peregrino realizando o Camiño de Santiago | Foto: xtberlin (Pixabay)

    Peregrino realizando o Camiño de Santiago | Foto: xtberlin (Pixabay)

    Un destes erros está no capítulo económico, pois unicamente se tivo en conta o convenio provincial da Coruña, malia que o ámbito da licitación abrangue toda Galicia, polo que se omitían os convenios das restantes provincias. Isto prexudicaría especialmente no caso de Pontevedra, cuxas táboas salariais son máis elevadas, e provoca un erro de cálculo dos custos salariais do conxunto da licitación.

    Canto ás condicións técnicas, o prego sinala que as tarefas de limpeza se farán fóra da xornada de apertura dos establecementos —que abren de 13 a 22 horas—. Isto obrigaría, forzosamente, a incrementar a xornada laboral diaria e anual moi por riba do legal e sen compensación económica.

    Do mesmo xeito que xa aconteceu con outros concursos públicos recorridos con éxito por CCOO, esta licitación tampouco prevé ningunha partida adicional para o custo económico que representa a aplicación dos protocolos de prevención fronte á covid, especialmente no que atangue aos equipamentos de protección individual (EPI). CCOO sitúa en case cen mil euros anuais o investimento necesario neste capítulo, ao redor de catrocentos mil durante a duración do contrato.

    Datos laborais

    Os 74 albergues do Camiño de Santiago empregan a 116 persoas, o 80 % mulleres. O servizo de atención ao peregrino, limpeza e xestión de cobramento licítao a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, organismo público tutelado funcionalmente pola Axencia de Turismo de Galicia.

    Estes albergues están espallados nos sete itinerarios declarados en Galicia como Camiño de Santiago, situados ao longo de 1300 quilómetros e que en 2019 acolleron a máis de 305.366 persoas de múltiplas nacionalidades.