Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

CCOO pide a posta en marcha dos xulgados de garda de 24 horas na Coruña e Vigo

  • Recibida a «luz verde» por parte do Consello Xeral do Poder Xudicial, o sindicato coida que «non caben máis escusas».

O sector da Xustiza de CCOO pide a posta en marcha dos xulgados de garda de 24 horas na Coruña e Vigo, reivindicación que recibiu xa «luz verde» por parte do Consello Xeral do Poder Xudicial. O coordinador sectorial de CCOO, Jorge Suárez, coida que «non caben máis escusas», nin tampouco se poden «antepoñer intereses económicos aos criterios de servizo público».

09/04/2021.
Na fotografía, Xulgados de Vigo | Foto: Google Street View

Na fotografía, Xulgados de Vigo | Foto: Google Street View

Despois dunha longa campaña de mobilización sindical, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia asumiu por fin como propia a implantación do xulgado de garda de 24 horas nas cidades da Coruña e Vigo. Seguindo as canles oficiais, o TSXG deulle traslado ao Consello Xeral do Poder Xudicial para a súa aprobación.

«Onte celebramos este importante paso, coa concesión da súa creación», explica Suárez. Porén, «pouco durou a alegría», xa que tanto o Ministerio de Xustiza como a Xunta de Galicia «antepoñen o interese económico á prestación dun servizo público esencial».

Suárez constata «con perplexidade» como as indicacións do CXPX, órgano de goberno dos xuíces, «caen en saco roto» porque a Xunta e o Goberno central se negan a aplicar o acordo. Segundo o sindicalista, isto prexudica os letrados e letradas, mantén a sobrecarga de traballo do persoal público e dos xulgados preexistentes, pero tamén resulta lesivo para a cidadanía que acode aos tribunais.

Segundo o sector da Xustiza de CCOO, Vigo e A Coruña son as únicas cidades do Estado con oito ou máis xulgados que carecen dun de garda as 24 horas, mantendo o sistema de gardas semanais. «Isto impide unha xustiza eficaz e áxil», sobre todo en casos «cos que deberiamos estar especialmente sensibilizados, como a loita contra a violencia machista», apunta Suárez.

Por todo isto, CCOO considera «imprescindible» unha «rectificación pública inmediata» do Ministerio de Xustiza e da Xunta de Galicia. Tamén pide convocar «decontado» a mesa de negociación para tratar este asunto nos ámbitos autonómicos e estatal e que se fagan as modificacións orzamentarias oportunas para a posta en marcha efectiva dos xulgados de garda da Coruña e Vigo.