Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO rexeita o peche de camas de hospital no verán e insta o Sergas a acometer un «plan de choque» para reducir as esperas

    A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia rexeita o peche de camas de hospital durante o verán e insta o Sergas a acometer un «plan de choque» para reducir as listaxes de espera e os atrasos na atención por mor da covid-19. O sindicato tamén insiste na necesidade de reforzar con máis contratacións a atención primaria, porta de entrada ao sistema público. Segundo Comisións, esta problemática xa se daba antes da pandemia, pero a situación é agora «inasumible».

    16/06/2021.
    Cama de hospital | Foto: arquivo CCOO

    Cama de hospital | Foto: arquivo CCOO

    Desde CCOO-Sanidade afirman «non entender» que as xerencias de áreas sanitarias como a de Vigo anuncien o peche de 135 camas —que se suman ás 120 xa pechadas no Hospital Meixoeiro—, 131 a da Coruña, 128 a de Lugo, 91 a de Santiago-Barbanza, 67 a de Pontevedra e 36 a de Ferrol.

    CCOO esíxelle ao Sergas que manteña operativas todas as camas hospitalarias no período estival, de xeito que, nalgunha medida, se poidan paliar as «inxentes listaxes de espera» que padecen as galegas e galegos. Para o sindicato, os meses de verán, nos que se reduce a actividade e se prevé tamén unha mellora dos datos epidemiolóxicos, son «axeitados» para conseguir este obxectivo.

    «Necesitamos todas as camas e os quirófanos funcionando de mañá e de tarde. É o momento de que a Xunta de Galicia amose o seu compromiso coa saúde pública, reforzando os cadros de persoal coa contratación de máis profesionais para atender a demanda asistencial», apuntan desde a Federación de Sanidade de CCOO.

    Os datos do Sergas actualizados en decembro do 2020 —últimos dispoñibles— cifran en 35 817 doentes a listaxe de espera estrutural. Sumando a non estrutural —que a Administración non dá a coñecer—, podería superar as sesenta mil persoas.