Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO esixe modificar a lei de inclusión para adaptar a RISGA ao ingreso mínimo vital

  • A Xunta debe garantir o subsidio autonómico a todas as persoas que soliciten o IMV ata que a súa percepción sexa efectiva

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) pide modificar en trámite de urxencia a lei de inclusión de Galicia para adaptar a renda de inserción social (RISGA) ao ingreso mínimo vital (IMV). Ante o anuncio da Xunta de que habilitará mecanismos para perdoar total ou parcialmente a «débeda» das persoas que simultanearon os dous subsidios, desde o sindicato reprochan que «hai que dar respostas á sociedade e non facer caridade á custa dos problemas das persoas».

23/06/2021.
Foto: Dominio público

Foto: Dominio público

A secretaria de Emprego, Política Social e Políticas Públicas de Protección de CCOO, Maica Bouza, lembra que hai xa un ano que se aprobou o IMV. «Aínda recoñecendo que non cobre as nosas expectativas, a Xunta perdeu un ano sen modificar a lei de inclusión, impedindo que os dous subsidios fosen compatibles», critica a sindicalista.

Bouza aféalle á Xunta de Galicia esa «parsimonia», cando outras comunidades autónomas fixeron compatibles «desde o minuto cero» o IMV e as respectivas rendas autonómicas de inserción.

Coa modificación da lei de inclusión de Galicia, CCOO quere garantir, en primeiro lugar, a percepción con carácter subsidiario da RISGA a todas as persoas en situación de vulnerabilidade económica que non cumpran con todos os requisitos esixidos para seren titulares do IMV. Tamén, garantirlles o cobramento da RISGA ás persoas que soliciten o ingreso mínimo, ata que a percepción deste sexa efectiva.

Por último, CCOO esíxelle á Xunta de Galicia que os recursos que non se destinen á RISGA se dediquen a outras políticas sociais que conten co visto e prace do Consello Galego de Benestar Social.