Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO aposta pola eólica mariña como fonte de xeración de emprego na industria galega

  • «É a mellor oportunidade que ten Ferrolterra», sinala Víctor Ledo, secretario xeral de CCOO-Industria

A Federación de Industria de CCOO de Galicia, ante a situación de desertización industrial que padece a comarca de Ferrol, aposta pola eólica mariña como fonte de xeración de emprego.

01/07/2021.
Víctor Ledo (esq.), secretario xeral de CCOO-Industria, e Francisco Méndez (der.), secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO

Víctor Ledo (esq.), secretario xeral de CCOO-Industria, e Francisco Méndez (der.), secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO

O secretario xeral de CCOO-Industria, Víctor Ledo, acompañado do secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO, Francisco Méndez, sinalou que a loita contra o cambio climático é unha realidade que está na axenda pública e debe ser o obxecto principal de todas as políticas enerxéticas, económicas e industriais que se concretan no ámbito da transición ecolóxica.

Porén, esta transición ten que ser xusta. «A descarbonización non pode ser traumática para os traballadores e as traballadoras. Isto é clave nas comarcas afectadas polos peches de instalacións como Ferrolterra, Meirama ou Sabón. Non pode ser xusta se destrúe postos de traballo, sen alternativas laborais e de futuro».

Por esta razón, Ledo e Méndez cualificaron de « imprescindible e mesmo inescusable» crear e aproveitar as oportunidades laborais que compensen e absorban os empregos destruídos. «Cómpre facelo con proxectos industriais que potencien o desenvolvemento local», ámbito en que situaron a eólica mariña.

«É a mellor oportunidade que ten esta comarca, a máis sólida, madura e factible desde todos os puntos de vista, incluído o climático e o xeográfico», sinalou Ledo.

O secretario xeral de CCOO-Industria salientou a «posición de vantaxe inmellorable» que neste ámbito teñen os estaleiros públicos da ría de Ferrol, particularmente Navantia Fene.

«Defendemos, e así quedou patente nos estudos, que non existe incompatibilidade ambiental nin entra en conflito con outras actividades produtivas», apuntou Francisco Méndez.