Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Xullo 2025.

CCOO-Industria advírtelle ao Grupo Castrosua que non vai consentir a vulneración de dereitos en Carsa

  • O sindicato salienta o «bo facer» dos seus servizos xurídicos

A Federación de Industria de CCOO de Galicia advírtelle ao Grupo Castrosua que non vai consentir a vulneración de dereitos laborais e sindicais en Castro Carrocera (Carsa), unha das principais empresas de Vilagarcía de Arousa.

02/09/2021.
Instalacións de Carsa en Vilagarcía de Arousa

Instalacións de Carsa en Vilagarcía de Arousa

Segundo CCOO, en plena negociación do ERTE de dous anos que presentou a finais do 2020 —aducindo causas organizativas e de produción—, a dirección da empresa, «en clara represalia contra o persoal que non aceptaba as condicións propostas», despediu quince traballadores indefinidos.

Cinco dos despedidos demandaron a Carsa, dous deles a través da asesoría xurídica de CCOO de Pontevedra. Antes do xuízo, a empresa «viuse abocada a aceptar o pagamento da indemnización completa polo despedimento improcedente dos cinco compañeiros», sinala o sindicato.

CCOO salienta «o bo facer» dos seus servizos xurídicos en defensa dos dereitos da clase traballadora galega e lamenta que moitas empresas utilicen a pandemia como escusa para «burlar a lei con prácticas mafiosas, rompendo a unidade dos traballadores mediante ameazas e represaliando a representación sindical». O sindicato «non permitirá estes abusos» e combateraos «con todos os instrumentos ao noso alcance».