Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

CCOO pide activar plans de acción climática tanto en grandes empresas como en pemes

    A Confederación Sindical Internacional (CSI), da que CCOO forma parte, convocou para o 22 de setembro o Día de Acción Climática nos Centros de Traballo. Trátase dunha iniciativa de escala global que ten como obxectivo dar a coñecer a importancia da colaboración entre as empresas, as persoas traballadoras e os seus representantes para facer fronte ao desafío climático.

    22/09/2021.
    Hoxe é o Día de Acción Climática nos Centros de Traballo

    Hoxe é o Día de Acción Climática nos Centros de Traballo

    O actual escenario de emerxencia climática en que nos atopamos —recentemente contrastado pola primeira entrega do Grupo de Traballo I do Sexto Informe de Avaliación (IE6) do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC)— pon de manifesto a necesidade de impulsar sen dilación unha transición cara a unha economía máis sostible.

    A aprobación do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) supón unha oportunidade única para impulsar este cambio cara a un modelo produtivo máis sostible, capaz de conxugar a dinamización da produtividade, a innovación e o coñecemento coa xeración de empregos decentes, coa mellora do benestar social e co respecto ambiental. A transición verde sitúase como un dos elementos centrais deste proceso, recibindo o 40,29% dos fondos do PRTR.

    As organizacións sindicais como CCOO defendemos a necesidade de activar, tanto nas grandes como nas pequenas empresas, plans de acción climática e transición enerxética que inclúan, entre outras, medidas para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética. Por iso, leveramos a cabo accións para incentivar o debate nos centros de traballo e a incorporación de plans de acción ambiental.

    Doutra banda, cómpre que se incorporen instalacións de autoconsumo con enerxías renovables, que se integren os principios da economía circular ou que se implanten plans de mobilidade sostible nas empresas, así como que se fomente a adaptación e formación dos persoais.

    Os sindicatos apoiamos a convocatoria da Confederación Sindical Internacional (CSI) de celebrar este mércores o Día Mundial de Acción Climática nos Centros de Traballo. Esta iniciativa ten por obxectivo sensibilizar as empresas, as administracións públicas e os traballadores e as traballadoras da necesidade de adaptar os centros de traballo ás esixencias do cambio climático, de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e de avaliar os impactos das empresas no medio ambiente.

    A celebración deste día debe servir para impulsar e situar no debate a importancia de adaptar os sectores produtivos con carácter urxente cara a outro modelo de produción máis sustentable, que sexa garantía de estabilidade e de futuro para as empresas e as persoas traballadoras.

    Para os sindicatos, estes procesos bríndanlles ás empresas unha oportunidade para facelas máis sostibles e competitivas nun mercado cada vez máis atento e esixente coa pegada ambiental. O tempo esgótasenos e o movemento sindical non é alleo a esta situación. Estamos comprometidos coa ambición climática e a transformación do modelo económico, sempre baixo criterios de transición xusta que garantan empregos de calidade para todas as persoas e eviten que ninguén quede atrás.