Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Primeira xuntanza despois do parón estival

Reunión do Comité de Dirección Nacional de CCOO de Galicia

    O Comité de Dirección adoptou o acordo de convocar o Consello Nacional, máximo órgano entre congresos, para facer unha análise en profundidade da situación actual e establecer a folla de ruta de aquí a finais de ano. Esta converxerá no tempo coa finalización do proceso congresual que levamos a cabo dende principios de ano e que rematará os días 21 e 22 de outubro co Congreso Confederal e a elección do secretario ou secretaria xeral e a súa executiva.

    23/09/2021.
    Un momento da reunión do Comité de Dirección Nacional

    Un momento da reunión do Comité de Dirección Nacional

    No informe de situación actual, a secretaría xeral, Amelia Pérez, abordou varios aspectos, incluído o da situación industrial que se achega a niveis críticos na nosa comunidade coa decisión de pechar Vestas, os procesos de dixitalización que están levando a diversos ERE o persoal que traballa na banca —caso do Banco Sabadell— ou o peche de oficinas de Abanca, con impacto directo tanto no persoal traballador como na cidadanía, ao privalos dun servizo en moitos casos difícil de substituír.

    Os acontecementos vividos nas últimas semanas para a aprobación do incremento do SMI amosan a delicada situación de diálogo social no ámbito confederal, que deu os seus froitos ata o de agora e que pode complicarse no futuro polas tensións no Goberno e o acoso ao que está a ser sometido o bipartito por parte da dereita mediática e política. Estas tensións poden trasladarse á negociación da segunda parte da reforma das pensións, á ampliación do real decreto do ERTE ou á derrogación da reforma laboral.

    CCOO prevé que o proceso de negociación para a modernización do mercado de traballo (reforma laboral) terá grandes dificultades para reverter as reformas anteriores. Existe un risco evidente de que o empresariado manteña a mesma posición que coa negociación do SMI e tente bloquear o diálogo social, ou que o Goberno, coa escusa de non chegar a acordos, actúe unilateralmente en cuestións como a derrogación da reforma laboral, a reforma das pensións ou incluso a aplicación final do aumento do SMI para 2022.