En novembro, o mercado laboral galego presenta peor comportamento que o estatal
En opinión da secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, se a Xunta non actúa decontado, «Galicia deixará de estar entre as comunidades con mellores resultados e rematará o ano 2021 no furgón de cola», e apoia esta tese á luz dos principais datos divulgados hoxe.
Ao remate de novembro, o desemprego diminuíu en Galicia en 1298 persoas, un 0,84 %, case tres veces menos ca no Estado (2,28 %). O descenso do paro veu acompañado dunha caída da contratación na comunidade autónoma, mentres que en España sobe, e cunha elevada precariedade laboral que se está a converter en estrutural.
Outro dato sobre o que CCOO chama a atención é a caída das afiliacións á Seguridade Social (-881), pois representan unha «seria advertencia» que o Goberno galego «non pode pasar por alto».
Análise por sexos e sectores
O desemprego diminúe tanto entre os homes (-190) como entre as mulleres (-1168), pero non racha coa fenda de xénero: as mulleres representan seis de cada dez persoas no paro. Entre a mocidade, o desemprego redúcese en tan só 50 persoas, mentres que entre as persoas maiores de 25 anos o número de paradas cae en -1248.
O paro baixa en todos os sectores de actividade, agás no primario, que aumenta en 64 persoas. Nos servizos cae en -987, na industria -303 e -18 na construción. No colectivo sen emprego anterior tamén se reduce o desemprego (-54).
Análise da contratación
A contratación tamén mingua en novembro: rexístranse 912 contratos menos ca en outubro (-1,02 %), malia que no Estado aumenta case sete puntos (6,81 %). Dos 88 297 contratos rexistrados en Galicia, 76 424 foron temporais e supoñen o 86,55 % do total de contratos rexistrados.
Afiliación á Seguridade Social
A afiliación á Seguridade Social no último día de novembro diminuíu en 881 persoas (-0,085 %) respecto ao mesmo período do mes anterior. Porén, atendendo á variación da media mensual, habería un aumento de 2847 persoas (+0,28 %, neste caso si similar ao +0,31 estatal).
En calquera dos casos, a afiliación sitúase por riba do millón de persoas afiliadas, concretamente 1 035 498. Deste total, 806 006 corresponden ao réxime xeral, 209 069 ao de autónomos e 20 422 ao do mar.
Prestacións por desemprego
En outubro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 85 703 persoas. Destas, 38 399 foron prestacións contributivas e 47 304 subsidios. Das 38 399 prestacións contributivas por desemprego, a terceira parte (12 931) corresponden a prestacións por ERTE covid.
Segundo os datos de que dispón CCOO, que corresponden ao 19 de novembro —o cambio producido polo Real decreto lei 18/2021 non lle permitiu á Seguridade Social obter datos homoxéneos—, os ERTE daban cobertura a 5636 persoas. Destas, 1196 en ETOP, 1347 nun ERTE de forza maior e 2296 nun ERTE de limitación ou impedimento. Do total de persoas afectadas, 2477 son homes e 3159, mulleres.