Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Xullo 2025.

CCOO pide que se mellore a situación laboral das persoas con discapacidade na etapa poscovid

    Hai case trinta anos que Nacións Unidas instituíu esta xornada como referencia reivindicativa en todos os ámbitos da sociedade. Neste 2021 propúxose acentuar a necesidade da participación das persoas con discapacidade nun mundo poscovid-19.

    03/12/2021.
    Cómpre mellorar a situación laboral das persoas con discapacidade

    Cómpre mellorar a situación laboral das persoas con discapacidade

    Os estudos da actual Dirección Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 sobre o impacto da pandemia covid-19 sinalan que aproximadamente unha cuarta parte das persoas con discapacidade perderon o seu emprego aos seis meses desde o comezo da pandemia, sumándose ás que buscaban emprego antes da pandemia, que maioritariamente non o encontraron durante ela.

    Esta perda de empregos afectaría a aquelas persoas que se encontraban nunha situación socioeconómica máis precaria. Ademais, o mesmo estudo sinala que unha cuarta parte das persoas con discapacidade que mantiveron o seu emprego manifestaron que as súas condicións laborais empeoraron, cun incremento da súa carga de traballo ou a redución do seu salario.

    A situación de confinamento prolongado tamén tivo un impacto negativo sobre o estado de ánimo e de saúde mental da poboación en xeral e, singularmente, ante o aumento das expectativas laborais negativas das persoas con discapacidade, que ven como o desemprego de longa duración tamén se dispara entre elas.

    É moi significativo que a maioría das persoas con diversidade funcional que teñen emprego consideran que na sociedade poscovid-19 as súas condicións de traballo, en conxunto, empeorarán.

    Está por ver ata onde chegará a reincorporación ao mundo laboral desas persoas que perderon o seu traballo durante a pandemia.

    CCOO REIVINDICA OS DEREITOS DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

    Por todo isto, desde CCOO queremos apostar pola necesidade de reverter a situación, non só volvendo á de antes da pandemia, senón que cómpre mellorar en todos os sentidos o contexto laboral das persoas con discapacidade.

    — CCOO esixe a creación de medidas legais específicas para protexer as persoas con discapacidade no ámbito laboral, pois a covid non pode ser unha escusa para que perdan os seus empregos ou empeoren as súas condicións e, por suposto, tamén é necesario facer un reforzo específico coas medidas de seguridade e protección fronte ao virus nos seus postos de traballo.

    — CCOO demanda especialmente o cumprimento estrito das medidas legais para o fomento do emprego das persoas con discapacidade.

    — CCOO esixe que a obriga de cumprimento da cota de reserva do 2 % se alcance mediante contratación directa, antes que mediante a utilización de medidas alternativas.

    — CCOO tamén considera necesario que a reorientación das políticas públicas de apoio ao emprego de persoas con discapacidade potencie realmente a transición destas ao emprego ordinario, de xeito que o emprego protexido se beneficie especialmente desa transición e asegure o cumprimento do fin social co que no seu día foi deseñado.

    CCOO quere recordar que a saída á crise da covid-19 só será efectiva se saímos todos, con atención especial a aqueles colectivos que teñen máis dificultades para acceder ao emprego.