Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO lembra ás empresas que cómpre manter as condicións de seguridade e saúde no traballo para conter a pandemia

    Garantir as condicións de seguridade e saúde nos centros de traballo era e segue sendo clave.

    12/01/2022.
    Covid

    Covid

    Ante o aumento exponencial do número de contaxios de coronavirus polo avance da variante ómicron:

    • CCOO lembra ás empresas a súa obriga de manteren as condicións de seguridade e saúde no traballo para a contención e control da pandemia.
    • CCOO considera imprescindible asegurar as condicións de seguridade e saúde nos centros de traballo, non só porque a prioridade debe ser a saúde de traballadores e de traballadoras, senón tamén porque, se non se garanten estas condicións, estarase a comprometer a contención da pandemia.
    • CCOO demanda reforzos para a atención primaria, cuxos profesionais, desbordados, seguen sendo un piar fundamental para a contención da pandemia. As administracións sanitarias non están a ser o dilixentes que fai falta na atención e o reforzamento do sistema sanitario, malia ser máis necesario ca nunca. A falta de recursos tamén afecta na correcta tramitación do recoñecemento da baixa laboral ás persoas traballadoras contaxiadas, o cal é outra fonte de inseguridade. 
    • CCOO aconsella seguir respectando a distancia de seguridade entre os traballadores e traballadoras e que os equipamentos de protección (EPI) —e especificamente as máscaras— sexan axeitados paro nivel de risco e que non se supere o tempo de utilización estipulado para os diferentes tipos.

    Medidas

    Neste sentido, o sindicato insta a extremar todas as medidas de prevención nos centros de traballo, que xa se demostraron eficaces. Ademais, para evitar os contaxios e, por tanto, os gromos no ámbito laboral, as empresas (a través dos servizos de prevención) deben actualizar e adaptar á situación actual as medidas de carácter organizativo, de protección colectiva e de protección persoal previstas polas autoridades sanitarias, así como xestionar os riscos das persoas traballadoras vulnerables e estudar e manexar os casos e contactos ocorridos na empresa.

    A evidencia actual indica que as diferentes vacinas contra a covid-19 son eficaces para reducir a infección sintomática e asintomática, a enfermidade leve, moderada e grave, e a mortalidade, pero non son esterilizantes (non evitan o contaxio), polo que segue sendo necesario manter as medidas preventivas e de contención nas empresas.

    Débense implementar todas as medidas que xa se coñecen, empezando polo control de cabidas, limpeza diaria de superficies, asegurar unha correcta ventilación dos lugares de traballo e espazos interiores e, dada a situación (que parece aínda non tocou pico), sería urxente que naquelas actividades en que sexa posible se reformule a presencialidade e se recupere o teletraballo, respectando neste caso todos os dereitos que a Lei de Traballo a Distancia recoñece a traballadores e a traballadoras.