Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 12 Xuño 2025.

CCOO denuncia na Inspección de Traballo o impagamento de nóminas en Abante BPO Lugo

    A Federación de Servizos de CCOO denunciou na Inspección de Traballo o impagamento da nómina extraordinaria de decembro na empresa Abante BPO Lugo, dedicada ao sector dos centros de chamadas (contact center).

    18/01/2022.

    O sindicato manifesta non ter noticias da actual dirección empresarial desde que se reuniu con ela hai un mes —o 13 de decembro—, malia tentar poñerse en contacto en diversas ocasións para obter información sobre a situación real da empresa.

    Ante o incumprimento do pagamento da extra de decembro e a falta de noticias, o sindicato decidiu recorrer á Inspección, reclamando que se inste a empresa a facer fronte ás súas obrigas económicas. O sindicato lembra que nun sector con baixos salarios —a xornada completa anda polos mil euros mensuais— supón un «grave prexuízo» este incumprimento, «especialmente nunhas datas tan sinaladas como o Nadal».

    Para CCOO-Servizos, resulta preocupante a situación de Abante BPO Lugo, que chegou a dar traballo na provincia a máis de 450 persoas e que a día de hoxe conta con escasamente un cento de persoas contratadas.