Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Xullo 2025.

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia lamenta o falecemento do compañeiro Suso Aneiros

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) lamenta o falecemento do compañeiro Suso Aneiros, aos 79 anos. Coa súa perda vaise un compañeiro que desde mozo demostrou o seu compromiso coa clase traballadora e que foi fundamental na organización do sindicato no ámbito do sector dos servizos, no que desenvolveu a súa traxectoria profesional.

    09/03/2022.
    Suso Aneiros en 2007, cando o sindicato lle concedeu o Premio 10 de Marzo

    Suso Aneiros en 2007, cando o sindicato lle concedeu o Premio 10 de Marzo

    Aneiros comezou a militar na loita antifranquista na súa mocidade, cando realizaba estudos de FP en Ferrol. Alí entrou entrou en contacto co círculo do histórico dirixente comunista Paco Filgueiras, chegando a formarse na antiga Alemaña Oriental.

    Anos despois comezou a traballar na Caixa de Aforros da Coruña, xermolo do que sería Caixa Galicia e hoxe en día Abanca. Na capital da provincia desenvolveu a súa vida profesional e sindical. O seu traballo sería fundamental a organización do sindicato neste sector e en particular na súa empresa, onde CCOO é a primeira forza sindical.

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e a súa Fundación recoñeceron a traxectoria de Aneiros co Premio 10 de Marzo no ano 2007.