Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO urxe o Goberno a que poña todos os medios ao seu alcance para que a frota pesqueira manteña a súa actividade, emprego, empresas e rendibilidade

    O pasado venres, 18 de marzo, reuníronse os sectores da pesca da Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO e FeSMC-UGT, na Secretaría Xeral de Pesca, para tratar sobre o impacto da suba do prezo do gasóleo na frota pesqueira.

    21/03/2022.
    Frota pesqueira

    Frota pesqueira

    CCOO e UGT reuníronse na Secretaría de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para transmitir a preocupación dos traballadores, as traballadoras e as empresas da pesca pola vertixinosa suba do prezo do combustible pesqueiro, tras a invasión bélica de Rusia a Ucraína e o problema engadido do bloqueo que sofre a distribución da pesca nos portos. 

    O prezo do combustible leva a metade dos gastos de explotación e, por tanto, arrastra os salarios dos traballadores retribuídos «á parte», ao incluírse os gastos do combustible en gastos xerais que se restan dos ingresos da pesca antes da súa repartición entre armadores/as e pescadores/as. Os tripulantes liquidan a marea co salario mínimo, porque a parte variable que se establece en función da venda non a cobran despois de traballar duramente no mar durante días.

    Logo de analizar a situación, coincidimos en que a prioridade nesta crise, coa suba do prezo do gasóleo ao sector pesqueiro, require unha resposta coordinada no ámbito da Unión Europea. O obxectivo prioritario é manter a actividade e, para iso, na reunión do AGROFISH, o 21 de marzo, a UE debe activar medidas desde o Fondo Europeo Marítimo da Pesca (FEMP) aplicando a regra +3 (prórroga de tres anos), e desenvolver no novo Fondo Europeo Marítimo da Pesca e Acuicultura ( FEMPA) o artigo 26, que permite que, en situacións excepcionais como as que atravesa o sector, se adopten medidas que compensen os incrementos dos custos de produción e a perda de salarios de traballadoras e traballadores.

    No caso de que o impacto da suba dos custos non equilibre a rendibilidade económica e faga necesario cesar a actividade nalgúns segmentos da frota, esixímoslle ao Goberno de España que active o mecanismo REDE pactado na reforma laboral. A actividade pesqueira está a sufrir grandes recortes na súa rendibilidade polo impacto da guerra e esta situación pode levar a precipitar decisións de despedimentos e peche de empresas.

    Así mesmo, facemos un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas para o día 23 de marzo 👉 máis información.