Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Decembro 2024.

CCOO comeza unha campaña para esixir a protección da maternidade na axuda a domicilio, o sector máis feminizado

    Comisións Obreiras (CCOO) presentou este mércores un documento e unha campaña para esixir a protección da maternidade na axuda a domicilio, o sector máis feminizado que existe. O sindicato sostén que actualmente non se cumpre o que marca a Lei de prevención de riscos, negándoselles a milleiros de traballadoras a cobertura a que teñen dereito, polo que demanda que se poñan en marcha mecanismos especiais. Na presentación interviñeron Maica Bouza, secretaria de Emprego e Política Social de CCOO, Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO-Hábitat, e Carmen Villar, secretaria de Política Social de CCOO-Hábitat.

    27/04/2022.

    URL | Código para insertar

    De esquerda a dereita, Alejandra Gesto, Carmen Villar, Maica Bouza

    De esquerda a dereita, Alejandra Gesto, Carmen Villar, Maica Bouza

    Segundo Maica Bouza, neste sector traballan unhas dez mil persoas e nove de cada dez son mulleres; o seu centro de traballo é un domicilio particular. Aí están expostas a distintos riscos físicos, biolóxicos e psicosociais, ao que cómpre sumar a situación de embarazo.

    A sindicalista reivindica un cambio no papel das mutuas «para que deixen de ver as prestacións desde o punto de vista economicista e atendan a saúde das traballadoras». Tamén fixo un chamamento ás Administracións implicadas e especificamente á Inspección de Traballo e á Inspección de Servizos Sociais para que comproben a situación das traballadoras do sector e os riscos no seu posto de traballo.

    Pola súa parte, Alejandra Gesto criticou as condicións de precariedade en que se presta un servizo tan importante como a axuda no fogar. Segundo explicou, no último ano licitáronse 23 expedientes por un valor de 41,8 millóns de euros, pero que acabaron sendo adxudicados por un millón menos, 40,8. «Esta diferenza equivale a 74 postos de traballo de auxiliares de axuda no fogar», exemplificou.

    Carmen Villar, traballadora do sector e responsable de Política Social de CCOO-Hábitat, afirmou que «para os efectos prácticos, a Lei de prevención de riscos non existe neste sector», porque non hai avaliacións individualizadas do posto de traballo que, como se indicou, son domicilios particulares. «O domicilio é inviolable e non se pode avaliar o risco se non se autoriza o servizo de prevención a entrar», apuntou.

    Tamén criticou a falta de criterios homoxéneos nas mutuas para conceder unha baixa médica por risco no embarazo. «Defendemos que se conceda ás 12 semanas, como recomenda o Instituto Nacional da Seguridade Social, pero a realidade é que adoita darse ás 24, pero tamén nos constan casos en que é ás 26». Segundo a sindicalista, «é inaceptable que unha traballadora embarazada de seis meses teña que asear unha persoa usuaria durante media hora cunha postura forzada, co inherente risco para o seu embarazo e a propia integridade física polo dano postural».

    Principais riscos

    Pola natureza do seu traballo, os principais riscos están relacionados con accidentes domésticos (queimaduras, cortes, caídas…) e con posicións e posturas inadecuadas que implican manipulación manual de cargas (mover persoas con escasa mobilidade) que poden provocar, fundamentalmente, trastornos musculoesqueléticos (traumatismos, problemas de costas e/ou cervicais). Isto, sen ter en conta tamén os riscos psicosociais a que se expoñen.