Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

Tamén o 1.º de Maio do 2022 saímos ás rúas de Galicia para manifestarnos e reclamar que se conteñan os prezos, que se suban os salarios e que se poña fin ás desigualdades

    02/05/2022.

    URL | Código para insertar

    A secretaria xeral de CCOO-GALICIA, Amelia Pérez, afirmou que para a clase traballadora é «tempo de gañar» dereitos laborais e sociais recortados durante anos. Fronte ao «non toca», CCOO saiu o 1.º de Maio ás rúas para defender solucións. A situación require subir os salarios para non afogar as familias. 

    A etapa dos recortes e da precariedade laboral ten que rematar xa. Temos que cambiala, negociando e facendo presión nas empresas e na rúa. NON HAI ESCUSAS.

    O emprego como principal obxectivo

    A modificación dos elementos nucleares da reforma laboral de 2012 é un dos compoñentes máis importantes do escenario do diálogo social, aínda que non o único. Os acordos, entre outros, que regularon os ERTE durante todo o tempo de pandemia foron un escudo social que salvou o emprego de millóns de persoas traballadoras e propiciou unha rápida recuperación económica e, canda ela, a recuperación do emprego, os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social son xa mellores, desde hai meses, ca os que había antes do impacto da pandemia.

    Conter os prezos

    Desde mediados do 2021 vénse producindo unha aceleración da inflación, tanto en España como na eurozona, ligada ao encarecemento da enerxía e dos produtos de alimentación, mentres os salarios pactados moderan a súa suba, o que pon de manifesto que as traballadores e os traballadores e a negociación colectiva non contribuíron á subida da inflación, senón que máis ben corresponde á suba de prezos empresariais para recompoñer as súas marxes de beneficios.

    A forte presión inflacionista da enerxía, á que se suman os efectos da guerra de Ucraína, estase estendendo aos bens e servizos fundamentais, prexudicando en maior medida os fogares con menores ingresos. É urxente tomar medidas eficaces para frear a suba dos prezos que empobrece a clase traballadora.

    Subir os salarios

    É imprescindible garantir o poder adquisitivo dos fogares, especialmente daqueles con menos recursos, de aí a importancia das subas do salario mínimo interprofesional (SMI) e das pensións referenciadas ao incremento do custo da vida, nun momento en que elementos básicos da cesta da compra como a electricidade, os carburantes ou os alimentos rexistran fortes aumentos de prezos, empeorando as condicións de vida da poboación.

    Represión sindical e lei mordaza 

    E tampouco non hai escusa para criminalizar un dereito irrenunciable como é o dereito á reunión, a folga, a protesta e a manifestación. Non se pode manter a lei mordaza. CCOO manifestan o seu total apoio aos compañeiros e compañeiras sindicalistas incursos en procesos penais ou administrativos derivados da súa actuación en defensa dos dereitos dos traballadores e as traballadoras, como o caso do compañeiro delegado na empresa ENCE-Pontevedra, ao que, tras a denuncia do alcalde Miguel A. Fernández Lores (BNG), o fiscal lle pide un ano de prisión.

    Próximas mobilizacións contra a represión sindical:

    • CCOO convoca o 5-5-2022 ás 10:30 horas, concentración diante da Audiencia Provincial de Pontevedra, previa ao xuízo.
    • CIG, CCOO, UGT e CGT convocan manifestación o 31 de maio, ás 20 h, desde o edificio da Xunta en Ferrol. Denuncian a represión contra o sindicalista Xesús Anxo López Pintos, para quen piden o indulto e a quen lle expresan a solidariedade obreira.