Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

Joan Coscubiela presenta o xoves na Coruña o seu último libro, nun acto organizado por CCOO

    Joan Coscubiela presenta este xoves na Coruña o seu último libro, La pandemia del capitalismo. Nesta obra, o avogado e sindicalista catalán analiza o impacto social e económico da crise desatada pola covid-19 e apela a extraer conclusións para cambiar o mundo. O acto, organizado por CCOO, terá lugar ás 19:30 no salón de actos da Once (Cantón Grande n.º 3) e estará presentado polo xornalista Antón Luaces Teixido.

    03/05/2022.
    Cartel anunciador do acto

    Cartel anunciador do acto

    Un sistema insostible

    No seu libro, o sindicalista catalán advirte que moitos dos efectos que se lle atribúen á pandemia teñen, realmente, orixe nun sistema social —o capitalista— que «leva moito tempo enviándonos sinais de ser claramente insostible».

    Ao longo deste ensaio, Coscubiela propón imaxinar un novo pacto social civilizatorio que require, antes de nada, «reconstruír o sentido moral da economía, asumir a nosa grande ecodependencia, apostar pola cooperación e atopar novos equilibrios entre sociedade e mercado».

    O autor

    Joan Coscubiela i Conesa (Barcelona, 1954), é un avogado laboralista e sindicalista. Foi secretario xeral das CCOO de Cataluña entre os anos 1995 e 2008 e deputado no Congreso por IC-V entre 2011 e 2015. Asemade, foi deputado e voceiro de Catalunya Sí que es Pot no Parlamento catalán entre 2015 e 2017. Será o seu regreso a Galicia tras ter participado o pasado mes de febreiro nunha xornada de formación organizada por CCOO en Santiago de Compostela.