Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO rexeita o Anteproxecto de Lei de modificación do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde

    No devandito anteproxecto non se recolle ningunha das propostas conxuntas que CCOO, UGT e CSIF remitiron ao Ministerio de Sanidade.

    10/05/2022.
    Manifestación defensa da sanidade

    Manifestación defensa da sanidade

    O pasado 5 de maio publicouse na páxina web do Ministerio de Sanidade do Anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 55/2003 do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde e o inicio do trámite de información e audiencia pública. No devandito anteproxecto non se recolle ningunha das propostas conxuntas que as tres organizacións sindicais remitiron ao Ministerio.

    O máis grave do anteproxecto é que o Ministerio pretende perpetuar a figura do persoal eventual no Sistema Nacional de Saúde. Sería o único ámbito da esfera pública ou privada onde se consentiría este tipo de contratos, xa que a limitación temporal que se establece na proposta do anteproxecto é difícil de demostrar pois no sector sanitario as prazas non están identificadas.

    Na proposta conxunta de CCOO, UGT e CSIF trasponse a literalidade da Lei 20/2021 canto ao tipo de contrato para as empregadas e empregados públicos, onde se dan ferramentas suficientes para a contratación en calquera centro de traballo público, tamén nos centros sanitarios.

    Ademais, o anteproxecto non é respectuoso coa Lei 20/2021, normativa causante da modificación proposta, nin cos artigos 10, 11 e a disposición adicional 17.ª da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, mantendo unha figura de persoal eventual que é contraria a estas disposicións no seu contido, e á mesma Directiva 1999/70/ CE/ do Consello —Acordo Marco—, que a Lei 20/2021 trata de adecuar ao noso ordenamento.