Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO presentou un informe sobre agresións a policías locais

    Na enquisa lanzada en todo o Estado participaron policías locais das 17 autonomías e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

    03/07/2022.
    Agresións a policías locais (fonte: sector da Admón. local da FSC-CCOO)

    Agresións a policías locais (fonte: sector da Admón. local da FSC-CCOO)

    No Sector da Administración Local da Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO levabamos tempo preocupados polo que, ao noso entender, supón un aumento constante das agresións aos efectivos de Policía Local.

    A preocupación xórdenos por varios motivos:

    • O número de casos que coñecemos debido ao noso labor sindical.
    • A multitude de noticias que aparecen nos medios de comunicación e nas redes sociais. Practicamente todos os días atopamos un ou varios casos só referentes a policías locais; son máis se contabilizamos os relativos a outras forzas e corpos de seguridade, como Policías Autonómicas, Garda Civil ou Policía Nacional.
    • As recorrentes referencias a esta problemática e a adopción de medidas para facerlle fronte en diferentes foros e espazos de debate sobre seguridade.

    Pero para sermos rigorosos, fiables e estritos e abordar o problema mais as súas posibles solucións, non nos serven as sensacións, polo que iniciamos un estudo que agora presentamos.

    Conclusións do estudo

    Da análise das respostas recollidas pódese concluír o seguinte: 

    1. As agresións a policías están a aumentar nos últimos anos en todo o territorio.
    2. Prodúcense sobre todo as fins de semana e festivos, en horario de tarde e de noite e en grandes e medianas poboacións.
    3. Parece que na mesma proporción ca noutros corpos policiais.
    4. Prodúcense sobre todo na realización de controis de masas, de seguridade, de alcoholemia, etc., detencións e infraccións de tráfico.
    5. As causas fundamentais de que se produzan son falta de respecto aos axentes da autoridade, cadros de persoal de policía minguados nos últimos anos e sensación de impunidade e desprezo polas normas por parte da poboación.
    6. Os factores determinantes no desencadeamento da agresión: falta de efectivos de policía, escaseza de dotacións policiais ou de medios e falta de formación por parte dos axentes.
    7. Unha porcentaxe moi pequena das enquisas mostran o apoio da súa Administración nestes casos de agresión.
    8. Mentres os índices de criminalidade non aumentaron nos últimos anos, é un paradoxo que si o fixeran as agresións a policías, o que merece unha análise en profundidade.

    CCOO propón

    Desde o punto de vista sindical, CCOO propón: 

    • O mantemento de cadros de persoal co número de efectivos suficientes para facer fronte ás necesidades da comunidade, de forma que sexa seguro para os axentes e se dea un óptimo servizo á cidadanía.
    • Que se cumpran as taxas de reposición e se creen novas prazas, se é necesario, para cumprir cos cocientes policiais ou mesmo superalos.
    • Que se dote os e as axentes de medios efectivos e suficientes para o desenvolvemento seguro da súa actividade.
    • A Lei de prevención de riscos laborais é de aplicación tamén a este colectivo. Unha formación continua e adecuada para facer fronte aos novos retos, procedementos de actuación, instrucións e ás modificacións lexislativas que continuamente se están producindo.
    • O establecemento de convenios ou protocolos de colaboración entre as distintas forzas e corpos de seguridade existentes nos diferentes municipios para xuntar esforzos, aumentar a efectividade dos seus membros e mellorar a seguridade pública.
    • Do mesmo xeito ca en calquera delito, débese dispoñer de medidas que protexan e resarzan as vítimas. Neste caso, as vítimas son persoas que exercen de policía, e no seu desempeño profesional poden sufrir agresións, algunhas con lesións permanentes.

    É necesario:

    • Un servizo interno de atención ás policías agredidas, desde os servizos de saúde laboral (internos ou externos), con implicación dos mandos e cun protocolo de atención.
    • Acceso a unha atención psicolóxica tras unha agresión.
    • Un servizo adecuado e especializado de defensa xurídica ao dispor da persoa agredida no seu desempeño profesional. 
    • Actuacións educativas e de intervención social con poboación máis proclive á agresión, con equipos integrados de policías, educadores sociais, traballadores sociais e persoal sanitario.
    • Campañas cíclicas e permanentes de sensibilización contra a violencia e as vantaxes de cumprir as normas de convivencia.
    • Poñer en marcha programas de “traballos en beneficio da comunidade” para persoas condenadas en delitos de atentado, resistencia e desobediencia, que están totalmente abandonados a pesar da lexislación que os regula e establece.

    CCOO é o único sindicato de España en EuroCop

    CCOO é o único sindicato de España que representa a todas as policías autonómicas e locais en EuroCop, como membro de pleno dereito. Esta confederación é o único organismo representativo da policía que é membro da Confederación Europea de Sindicatos (ETUC) e da Federación Europea de Sindicatos (ETUF); tamén ten dereitos de participación no Consello de Europa.

    O pasado 8 de febreiro, o presidente de EuroCop, Callum Steele, pediu ao Parlamento Europeo que tome medidas sobre a epidemia de violencia contra policías. Afirmaba, acertadamente, que os e as policías son os protectores de primeira liña da sociedade, e que estiveron suxeitos a presións sen precedentes nos últimos dous anos mentres facían cumprir os peches e restricións pola covid-19.

    Estas restricións exerceron unha presión inimaxinable sobre as policías europeas, tanto desde a perspectiva da saúde física como da saúde mental. De feito, os policías non só teñen un maior risco de infección e reinfección por esta enfermidade, en comparación coa poboación xeral, senón que tamén soportaron a peor parte da ira social con respecto aos confinamentos que aplicaron a gran maioría dos gobernos.

    Violencia e silencios das Administracións

    Os responsables políticos non deben gardar silencio sobre a violencia que se inflixe sobre os policías, apodera as persoas violentas e isto desalenta a sociedade. Se a violencia contra a policía se percibe como aceptable, a violencia en xeral aumenta e, como consecuencia, a inseguridade cidadá crece.