Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Outubro 2024.

12 de agosto, Día Internacional da Xuventude

Futuro ou conflito

    Un ano máis, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia reivindica o Día internacional da Xuventude, que se conmemora o 12 de agosto. Unha nova oportunidade para reflectir a conxuntura pola que está a pasar a mocidade galega. Xa son moitos os anos os que levamos reivindicando un futuro digno para a xuventude do noso país e cada día que pasa é máis necesario ca nunca reivindicar e mellorar as condicións de vida da nosa mocidade.

    11/08/2022.
    Cartel Día Internacional da Xuventude 2022

    Cartel Día Internacional da Xuventude 2022

    Somos moitos e moitas as que sufrimos a precariedade como único modelo de vida. Levamos en crise desde o 2008, desde a nosa adolescencia. Gran parte da nosa mocidade naceu vivindo unha crise eterna, sendo unha das patas do sistema que case sempre remata esquecida. Somos as fillas e os fillos da perruqueira, do obreiro, dos traballadores do naval, das marisqueiras, dos agricultores, de toda a clase obreira que xa viviu a crise da primeira década dos anos dous mil e que nós seguimos vivindo.

    É por iso que CCOO ten claro que cómpre apostar pola mocidade como suxeito activo, reclamando e recuperando dereitos que palíen esta situación precaria e defendendo os dereitos da xuventude.

    A mocidade precisa medidas de protección social, medidas máis aló do bono do alugueiro, para poder acceder a unha vivenda digna. Precisamos empregos e salarios de calidade para lograrmos unha estabilidade que nunca tivemos como mocidade, para podermos gozar dunha vida digna. Neste aspecto é moi importante o salto cualitativo que se produciu coa aprobación da reforma laboral.

    En moitas ocasións, a mocidade vese minusvalorada polas verbas dos seus maiores (sexa cal for o rango de idade), con expresións como «esa rapaza é moi moza, aínda lle queda moito por aprender» ou «falta che faría vivir unha guerra para saberes o que era iso».

    Non queremos desmerecer todo o que pasaron os nosos maiores e o esforzo que fixeron para termos todo o que temos, pero non necesitamos que nos paternalicen: necesitamos políticas concretas para a mocidade, pois somos nós as que levamos pagando anos de crises económicas que non provocamos; somos nós as que levamos anos berrando que non temos un planeta B onde vivir; somos nós as que pedimos que non nos maten polo simple feito de sermos mulleres ou pertencermos ao colectivo LGTBI+; somos nós a que deixamos a nosa carreira universitaria por non termos unha beca; somos nós as que necesitamos reclamar saúde mental (unha das taxas mais altas de suicidio do noso país dáse na mocidade).

    As nosas vidas non son doadas e, sen vivirmos unha guerra, sabemos, de primeira man o que é a miseria. Levamos moitos anos vivindo en pleno conflito con nós mesmas, pero xa é suficiente. Necesitamos un futuro afastado da precariedade absoluta, con medidas reais acordes ás nosas problemáticas.

    O Estado español e Galicia xa teñen moitas débedas, pero é necesario que non estean en débeda coa súa xuventude. Cómpren políticas á altura das circunstancias e dos retos que temos por diante. 

    En conclusión, este 12 de agosto reclamamos un futuro digno para a nosa mocidade! Porque, como dicía Miguel Hernández, «o futuro de España, da súa xuventude depende».