Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO-Ensino: «A Xunta boicoteou a planificación dos centros para o comezo do novo curso»

    A Federación do Ensino de CCOO convocou este martes unha conferencia de prensa na que cualificou de «caótico» o comezo de curso en Galicia. «A Xunta boicoteou a planificación dos centros para o comezo do novo curso», denunciou publicamente José Fuentes, membro da Executiva de CCOO-Ensino.

    06/09/2022.
    José Fuentes e Iria Yáñez, de CCOO-Ensino

    José Fuentes e Iria Yáñez, de CCOO-Ensino

    Para CCOO, o comezo de curso é caótico por diversas razóns. Por unha banda, o atraso na publicación dos currículos, que é unha responsabilidade «compartida entre a Xunta e o Ministerio», salientou Fuentes. O sindicalista lamentou que Galicia fora unha das sete comunidades autónomas onde iso ocasionou problemas, coa diferenza de que noutros lugares «houbo dimisións, aquí continúan os mesmos responsables».

    Tanto Fuentes como Iria Yáñez —membro tamén da Executiva de CCOO-Ensino— sinalaron que a este caos tamén contribuíu o acto de benvida ao profesorado en prácticas, o pasado 1 de setembro, que cadrou coas reunións dos claustros e coa obriga de tomar posesión da praza no centro de traballo. Para os portavoces da Federación, esta coincidencia, feita co obxectivo «de lograr unha foto para obter réditos políticos», é tanto como dicir que «a Xunta boicoteou a planificación dos centros para o comezo do novo curso».

    Recortes

    Segundo Yáñez e Fuentes, este novo curso desaparecen 32 unidades de Educación Infantil e 35 unidades de Educación Primaria. Son, en total, 67 unidades menos. «O resumo é moi sinxelo: fronte á creación dunha praza de orientación nun centro de educación especial e unha de primaria nun colexio rural agrupado (CRA), temos a desaparición de 96 postos de traballo nos cadros de persoal dos citados centros», explicaron.

    Pérdense 105 postos de traballo que, por especialidades, son os seguintes: 48 en Educación Infantil, 35 en Educación Primaria, 8 de Filoloxía inglesa, 2 de Filoloxía francesa, 1 de Educación musical, 4 de Pedagoxía terapéutica, 3 de Audición e Linguaxe (AL) e 4 en Departamentos de Orientación (DO). Créanse 1 posto de Educación Primaria, 4 postos en DO, 1 AL e 3 de AL compartidos.

    Desde CCOO recoñecen que o descenso da natalidade ten repercusión nas matrículas escolares. Con todo, esta realidade «permite mellorar o servizo educativo sen incrementar o investimento en máis profesorado» e avogan por aplicar tres medidas que axudarían a unha mellor atención educativa máis individualizada do alumnado: reducir ratios, volver ás 18 horas lectivas en secundaria e 21 no corpo de mestres e activar o Acordo de agrupamentos asinado por CCOO co PP e que está adiado.

    A redución de ratios é unha demanda «moi vella» que noutras comunidades autónomas xa é unha realidade e que, durante a pandemia, «puidemos comprobar que se trata dunha medida moi efectiva de atención ao alumnado, tal e como nos transmitiu o profesorado», explicaron os sindicalistas de CCOO.

    O Acordo de agrupamentos establece unhas ratios máximas cando na mesma aula hai alumnados de diferentes niveis ou mesmo etapas educativas. Estas ratios suporían unha mellor atención, fundamentalmente no medio rural, que é onde se dá esta realidade.

    A redución do horario lectivo do profesorado, que non o laboral, «permitiría dedicar máis tempo ás coordinacións e dinamizacións de actividades que son esenciais para a mellora educativa do alumnado», reivindicaron Fuentes e Yáñez.

    Porén, a Consellaría de Educación, «nunha clara decisión política, decidiu non apostar por reforzar e mellorar o ensino público e por aforrar diñeiro no orzamento educativo para outras cuestións que poidan darlle máis rédito electoral», lamentaron.

    Audios asociados

    José Fuentes: «O atraso na publicación dos currículos é unha responsabilidade compartida»

    Iria Yáñez: «A Xunta presionou o profesorado para asistir a un acto para obter rédito político»