Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO denuncia os impagamentos de Kidsco Balance ao persoal da escola infantil Grumete

    O sindicato comarcal de Ensino de CCOO de Ferrol denuncia que a empresa Kidsco Balance, que ten adxudicada a xestión da escola infantil Grumete —situada no arsenal militar—, non lles paga ás traballadoras os seus salarios no tempo e na forma pertinentes.

    08/09/2022.
    Escola infantil Grumete, en Ferrol | Foto: Kidsco.es

    Escola infantil Grumete, en Ferrol | Foto: Kidsco.es

    A nómina do mes de xullo percibírona en tres pagamentos —o último deles, en setembro—, mentres que a día de hoxe aínda non cobraron agosto.

    O sindicato denuncia que tampouco se están a cumprir os pregos da licitación, xa que non se contrata persoal que cubra as baixas médicas.

    Como desculpa para estas irregularidades no aboamento das nóminas, a empresa aduce a falta de puntualidade no pagamento por parte das Administracións, circunstancia «que é allea ao persoal, que cumpre co seu cometido con profesionalidade e non pode pagar o pato».

    Kidsco Balance ten en todo o Estado a concesión de escolas infantís de diversas Administracións públicas que suman centos de traballadores e traballadoras. Non é a primeira vez que CCOO denuncia as prácticas da empresa, que hai un ano foi condenada pola Audiencia Nacional por non pagar as cantidades económicas que debía.