Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO asina co Goberno o acordo que incrementa nun 9,8 % o salario de cinco millóns de empregadas e empregados públicos

    A Área Pública de CCOO, primeiro sindicato nas Administracións públicas, asinou este mércores, xunto co Goberno e a UGT, o acordo marco para unha administración que incrementa nun 9,8 % o salario de cinco millóns de empregadas e empregados públicos para o período 2022-2024. Este pacto tamén inclúe a xornada laboral de 35 horas semanais, a obriga de establecer plans de igualdade en todas as Administracións e a derrogación de recortes como o que prexudicaba a xubilación parcial do persoal funcionario.

    20/10/2022.
    CCOO, primeiro sindicato nas Administracións públicas, asinou este acordo

    CCOO, primeiro sindicato nas Administracións públicas, asinou este acordo

    Este acordo chega tras un longo e complicado proceso de negociacións, que incluíu diversas mobilizacións nos últimos meses.

    Aspectos máis salientables do acordo:

    — Incremento salarial. O aumento acumulado das retribucións será do 9,8 %. Aplicarase unha cláusula de revisión salarial limitada para os exercicios 2023 e 2024, cun 0,5 % adicional consolidable se o IPC harmonizado desde o 2022 supera os incrementos fixos pactados. Tamén se establece unha suba adicional do 0,5 % vinculado ao PIB nominal, cuxos criterios han negociarse cos sindicatos asinantes. Por vez primeira, revísanse á alza os salarios previstos nuns orzamentos xerais do Estado; súmase un 1,5 % adicional ao 2 % inicialmente orzado para o 2022, con retroactividade desde o 1 de xaneiro, e percíbese nunha soa paga antes de final do ano.

    — Xornada laboral de 35 horas. Elimínanse as limitacións vixentes para que cada Administración pública estableza, após a negociación colectiva na mesa ou órgano correspondente, unha xornada semanal de 35 horas para o persoal ao seu servizo.

    — Clasificación profesional. Enténdese culminada a disposición terceira do Texto refundido do Estatuto básico do empregado público (TREBEP), coa plena aplicación da clasificación de persoal ao servizo das Administracións públicas do artigo 76 do TREBEP. Créase un grupo de traballo da Administración e sindicatos asinantes do acordo para que, ao longo de 2023, se implante a citada clasificación profesional. Mantense o apartado terceiro da disposición de promoción interna de C1 a A2.

    — Derrogación de recortes e xubilación parcial. Definitiva eliminación das medidas do RDL 20/2012, do 13 de xullo, e derrogación da supresión da xubilación parcial para o persoal funcionario.

    — Igualdade de xénero. Obriga do cambio normativo para o desenvolvemento e negociación dos plans de igualdade en todas as Administracións públicas, de conformidade coa Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e o RD de desenvolvemento, así como para a implantación dos protocolos de acoso sexual e por razón de sexo.

    — Dixitalización e diálogo social. Garantía de atención presencial, especialmente para a poboación con máis dificultades dixitais. Principio de simplificación e redución de cargas nos procesos de dixitalización. Plan específico de dixitalización en zonas de menor poboación e máis dispersas. Itinerarios formativos en materia dixital.

    — Atracción e retención de talento. Recuperación do emprego público perdido; rexuvenecemento dos cadros de persoal; atención ás demandas urxentes en cadros de persoal deficitarios; redución da temporalidade no emprego público; mobilidade interadministrativa; formación e difusión ao público.

    — Extensión das medidas previstas neste acordo ao persoal do sector público institucional.

    — Medidas para aplicar na Administración xeral do Estado e no seu sector público. Implantación do teletraballo; tramitación e negociación do contido íntegro da Lei de función pública da Administración do Estado; pleno recoñecemento do dereito á negociación colectiva e á actualización salarial do persoal laboral do servizo exterior; actualización dos importes dos gastos de viaxe para a prestación do servizo; revisión do modelo organizativo e clasificación dos centros penais; novo protocolo de acoso sexual e revisión do réxime sancionador na Administración xeral do Estado.

    — Creación dunha comisión de seguimento entre a Administración e os sindicatos asinantes do acordo.

    CCOO considera positivo este acordo e seguirá traballando para o seu pleno cumprimento, así como para recuperar o resto de materias pendentes, como a mellora do patrimonio regulador das clases pasivas, a compensación por residencia ou a achega aos plans públicos de pensións, entre outros. De feito, xa o fará na tramitación dos orzamentos xerais do Estado de 2023 mediante os oportunos contactos cos distintos grupos parlamentarios.