Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO chega a un preacordo no convenio de elaborados do mar para subir o 17 % os salarios

    Tras máis de dez meses de negociacións, a comisión negociadora do convenio estatal de elaborados do mar chegou a un preacordo. O máis salientable é que se pacta unha suba salarial do 17 % durante a vixencia do texto (2022-2024).

    08/11/2022.
    Comisión negociadora do convenio de elaborados do mar

    Comisión negociadora do convenio de elaborados do mar

    En concreto, haberá unha suba do 8 % para este ano (con pagamento de atrasos desde o 1 de xaneiro), un 5 % para o 2023 e un 4 % para o 2024. Tamén se inclúe unha cláusula conforme o ipc real ao final da vixencia no caso de que a inflación supere os incrementos pactados, actualizando o 75 % da diferenza o 1 de xaneiro do 2025.

    Ademais, as persoas que teñan asignadas as funcións de control de almacén e calidade, así como as de tratamento e xelificado (actualmente encadradas no grupo II), pasarán a percibir as retribucións previstas no grupo III, o que significará unha mellora salarial. As funcións do persoal de carretilla e o seu posible aumento de grupo analizaranse nunha comisión durante a vixencia do convenio.

    Canto aos complementos, o de serra pasa de 80 a 90 € ao mes para 2022; o resto de anos terá os incrementos previstos no convenio. Pola súa banda, o complemento de refrixerado aumenta a 168 € no 2022, 180 € no 2023 e 192 € no 2024.

    Outras melloras

    Neste preacordo incluíuse un protocolo para a prevención e actuación en caso de acoso. Ademais, a redución de xornada poderase ampliar a fillos e fillas menores de dezaseis anos que teñan un grao de dependencia igual ou superior ao 33 %, así como en caso de familiares dependentes.

    O preacordo tamén recolle a creación dunha comisión específica para analizar as enfermidades profesionais e un aumento das axudas de custo por comida que estaban totalmente obsoletas, establecendo 14,5 € para o xantar e a mesma cantidade para a cea.

    Para os supostos de cirurxía ambulatoria en que á persoa non se lle curse a baixa, analizarase unha solución para incluíla no acordo final.

    Asembleas

    A partir de agora realizaranse as correspondentes asembleas para fixar a posición definitiva e ratificar ou non o preacordo alcanzado. Con todo, desde CCOO considérase moi positivo o contido recollido no texto, especialmente no que respecta aos incrementos salariais, máis aínda nun sector feminizado no que os salarios son baixos.