Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Peche sindical no Ministerio de Xustiza

    Delegacións de CCOO, STAJ, UGT e CIG pecháronse no Ministerio de Xustiza, esperando a comparecencia da ministra Pilar Llop ou dalgún outro alto cargo do seu equipo, que segue negándose a negociar coa representación legal dos traballadores e as traballadoras do sector.

    22/11/2022.
    Edificio do Ministerio de Xustiza Madrid

    Edificio do Ministerio de Xustiza Madrid

    Os sindicatos convocadores esixen a negociación da Lei de eficiencia organizativa do Servizo Público de Xustiza para garantir as condicións de traballo, os centros de destino e as funcións do persoal funcionario. Así mesmo, lamentan que o Ministerio de Xustiza se negue a negociar coa representación dos traballadores e traballadoras algo tan esencial como as condicións de traballo .

    Denuncian que o proxecto de Lei de eficiencia organizativa non garante os actuais centros de destino nin as retribucións e demais dereitos laborais, polo que pode supoñer unha importante redución de postos de traballo, así como a supresión de servizos que presta a Administración de Xustiza. A xuízo dos sindicatos, este proxecto de lei permite a mobilidade funcional e xeográfica do persoal e a asignación de funcións correspondentes a outros centros de traballo distintos daquel en que se está destinado. Os sindicatos denuncian que tamén se abre a posibilidade de impoñer novas relacións de postos de traballo sen negociar.

    Por outra banda, o persoal da Administración de Xustiza esixe o desenvolvemento e retribución da carreira profesional, un dereito recoñecido desde 2019 na Lei orgánica do Poder Xudicial, pero que o Ministerio de Xustiza négase a negociar e a recoñecer e a establecer a súa retribución complementaria.

     Tamén se esixe a mellora da promoción interna para a recuperación do 50 % das prazas das ofertas de emprego público para esta quenda e reivindícase unha convocatoria extraordinaria engadida á convocatoria da quenda libre dos procesos de estabilización. 

     «Se o acceso pola quenda libre se fai polo sistema de concurso —sen oposición—, tamén a promoción interna ten que se facer por ese mesmo sistema de concurso de méritos», afirman os representantes sindicais.

     Outra das esixencias sindicais nestas mobilizacións é a convocatoria de concursos de traslado con todas as prazas vacantes; denuncian que moitas delas se ocultan ao acceso do persoal titular ano tras ano sen xustificación ningunha, restrinxindo as súas posibilidades de mobilidade.

    Por último, os sindicatos do sector de Xustiza demandan a negociación do regulamento e relacións de postos de traballo do Rexistro Civil e denuncian que o despregamento dos novos rexistros civís está a levarse a cabo de forma unilateral sen negociación colectiva, que se están asignando arbitrariamente novas funcións ao persoal dos novos rexistros civís e das oficinas colaboradoras dos xulgados de paz e que o novo programa informático DICIREG incrementa o volume de traballo pero non se están incrementando os cadros de persoal.