Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

Unai Sordo amosa o apoio de CCOO aos traballadores e traballadoras de Ence en Pontevedra

    O secretario xeral confederal de CCOO, Unai Sordo, visitou este mércores a fábrica de Ence en Pontevedra. Ademais de coñecer as instalacións da factoría, reuniuse tamén tanto co comité de fábrica como co comité de oficinas, ambos os dous presididos por Comisións Obreiras.

    30/11/2022.
    Unai Sordo, acompañado pola secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, e a secretaria comarcal de Pontevedra, Pilar Mosquera

    Unai Sordo, acompañado pola secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, e a secretaria comarcal de Pontevedra, Pilar Mosquera

    En declaracións aos medios de comunicación, o dirixente sindical lembrou que xa se reunira o pasado mes de setembro cos traballadores e traballadoras para unha primeira toma de contacto, poucos días antes da manifestación que, hai xusto dous meses, percorreu a cidade para esixir a continuidade da actividade.

    Naquela ocasión, razóns de axenda impedíronlle estar na mobilización, pero comprometérase a visitar a fábrica o mes de novembro «e para iso estou aquí», explicou, «pero tamén para amosar o compromiso de CCOO e o noso apoio aos traballadores e traballadoras de Ence».

    Unai Sordo salientou que o futuro da fábrica depende «de decisións xudiciais», pero malia isto, «CCOO reitera o apoio á continuidade da actividade laboral e produtiva» en Pontevedra. 

    A visita é «un impulso» na loita laboral

    Ana Cedeira, presidenta do comité de oficinas, agradeceu esta visita porque «é un impulso» para a loita que levan desenvolvendo os últimos catro anos pola permanencia de Ence en Lourizán. A sindicalista criticou que «o Goberno e as institucións tomáronnos o pelo e estivéronnos mareando co tema do traslado».

    Cedeira lembrou que a empresa presentou hai meses un estudo «onde dicía que non había esa posibilidade de traslado e, realmente, non a hai». Por esa razón, «se hai sentenza favorable, quedamos. Se é desfavorable, a empresa pecha e cinco mil traballadores van ir á rúa», concluíu.