Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Abril 2024.

Día Mundial contra o Cancro: visibilizar o cancro laboral e mellorar a súa prevención

    Con motivo do Día Mundial contra o Cancro, CCOO quere sinalar que o cancro laboral é a primeira causa de morte no traballo 

    04/02/2023.
    Día mundial contra o cancro

    Día mundial contra o cancro

    CCOO reitera o seu compromiso coa visibilización do cancro de orixe profesional e coa prevención das exposicións a axentes canceríxenos no ámbito laboral, tal e como vén desenvolvendo coa súa campaña Cancro Cero no Traballo.

    É dabondo coñecido que o cancro é a enfermidade que máis contribúe á mortalidade e a diminución da esperanza de vida da poboación, pero moitas veces óbviase que unha parte destes cancros teñen a súa orixe no traballo e todos eles son evitables.

    A acción sindical de CCOO na loita contra o cancro é anterior á propia legalización do sindicato en 1977, como testemuñan as accións desenvolvidas na clandestinidade para denunciar os efectos do amianto na saúde das traballadoras e os traballadores. En 2011, isto materializouse coa posta en marcha da campaña sindical «Cancro Cero no Traballo», que se mantén na actualidade e que inspirou a campaña Stop Cancer at Work da Confederación Europea de Sindicatos.

    Con ocasión do Día Mundial contra o Cancro, desde CCOO queremos reiterar o noso compromiso fronte a unha epidemia que sufrimos desde hai décadas e que vai en aumento. Pero ademais queremos incidir en como afecta ás persoas traballadoras, visibilizando que unha parte destes cancros teñen a súa orixe na actividade laboral e a necesidade de impulsar a súa prevención nas empresas.

    As campañas públicas de prevención do cancro poñen a énfase en factores de risco individuais e lanzan mensaxes para mellorar hábitos individuais (prevención do consumo de tabaco e alcol, alimentación equilibrada, promoción do exercicio físico) que apoiamos desde o sindicato. Pero adoito óbvianse factores colectivos, esquecendo que as condicións de traballo son responsables de, polo menos, 11 000 novos casos de cancro anuais en España, que constitúen a primeira causa de morte no traballo. A pesar diso, estes casos seguen permanecendo ocultos e só se comunicaron 107 partes de enfermidade profesional por cancro no 2022 (20 deles con baixa; 8 en mulleres, dos cales só 1 cursou con baixa).

    Algúns datos evidencian a dimensión do problema:

    • Morren máis persoas por cancro laboral que por accidente de traballo e por accidente de tráfico xuntas.
    • Segundo a Organización Internacional do Traballo, cada ano morren 600 000 persoas no planeta por cancro laboral, unha cada 52 segundos.
    • Non existen rexistros oficiais pero, segundo a única estimación dispoñible, a cuarta parte da poboación laboral española está exposta a axentes canceríxenos.
    • A evidencia científica demostra que entre o 4 e o 10 % do total de casos de cancro diagnosticados entre a poboación, en xeral, débese a exposicións laborais a axentes canceríxenos. Pero se se analiza a poboación laboral exposta a estes axentes, a porcentaxe chegaría ao 25 e o 30 %.

    As exposicións profesionais son perigos evitables aos que os individuos se expoñen de forma non voluntaria. Ninguén ten por que aceptar un maior risco de cancro no traballo, especialmente se a causa é coñecida, e as empresas teñen a obriga legal de avaliar o risco e adoptar medidas preventivas. Os cancros profesionais poden evitarse coa adopción das medidas preventivas adecuadas. É urxente facer prevención hoxe para evitar novos cancros no futuro.

    O compromiso e a loita de CCOO e dos sindicatos europeos fronte ao cancro laboral conseguiu que nos últimos anos se aprobaran tres modificacións da directiva de canceríxenos e mutáxenos que, aos poucos e ás veces con atraso, están a trasladarse á lexislación española. Logrouse a clasificación como canceríxenas de substancias moi relevantes, como o po respirable de sílice cristalina ou os fumes diésel, e ampliouse significativamente o número de axentes canceríxenos con valor límite obrigatorio.

    O ano pasado, o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo puxo en marcha a campaña «Evitemos Hoxe o Cancro Laboral de Mañá», á que CCOO se adheriu por ser unha iniciativa necesaria e acertada, aínda que debe ser reforzada con actuacións preventivas e de vixilancia e control por parte do Goberno. En opinión de CCOO, aínda cómpren medidas de máis calado para protexer a poboación traballadora fronte ao cancro, entre as que destacamos as seguintes:

    • Asegurar que as empresas cumpren coa súa obriga de informar os traballadores sobre os produtos que utilizan ou dos que están rodeados. Deben ter á súa disposición as fichas técnicas de seguridade.
    • Reforzar o principio de substitución de axentes canceríxenos, obrigando as empresas a que demostren previamente a non existencia de alternativas dispoñibles para autorizar o seu uso.
    • Establecer límites máis estritos para substancias como o cadmio, o po de madeiras, o cromo VI, a sílice cristalina ou os fumes diésel, entre outros, axustándoos á evidencia científica existente.
    • Incluír no ámbito de aplicación do RD de canceríxenos aquelas actividades para as que a Organización Mundial da Saúde xa demostrou a súa relación co cancro: extinción de incendios, salóns de peiteado, pintura ou industrias de caucho, do petróleo ou fundicións, entre outras.
    • Crear un rexistro de persoas traballadoras expostas e de empresas con risco de exposición a canceríxenos para mellorar a notificación de casos de cancro laboral e garantir a súa adecuada vixilancia da saúde, unha vez finalizada a súa vida laboral.
    • Pór en marcha un plan nacional para erradicar o amianto instalado e o desenvolvemento regulamentario da lei de creación do fondo de compensación ás súas vítimas, para que este instrumento entre en vigor de maneira definitiva e lles garanta ás persoas afectadas o acceso a unhas indemnizacións xustas.

    É innegable que se lograron avances nos últimos anos, pero aínda quedan moitos retos pendentes. O camiño iniciouse, pero cómpre máis ambición para lograr o obxectivo de «Cancro Cero no Traballo». Millóns de traballadores e traballadoras utilizan acotío substancias que poden producir cancro. As mellores ferramentas para previlas son un adecuado sistema preventivo no que a información é clave, a substitución de produtos indispensables e unha vixilancia da saúde de calidade e adaptada aos riscos aos que as traballadoras e traballadores están expostos.

    Para Mariano Sanz, secretario de Saúde Laboral e Sostibilidade Ambiental de CCOO, a nova Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027 debe ser a ferramenta que nos permita como país dar un salto cualitativo e cuantitativo na avaliación da exposición a axentes canceríxenos; o seu control nos centros de traballo; unha adecuada vixilancia da saúde e tamén a identificación precoz dos casos e a súa notificación, e que estas mortes deixen de ser silenciadas e anónimas.