Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO asina o Convenio sectorial de centros de chamadas

    CCOO, UGT e a patronal CEX asinaron na sede do SIMA o III Convenio Sectorial de Contact Center, que terá vixencia desde a súa publicación no BOE ata o 31 de decembro de 2026.

    14/03/2023.
    convenio Contact Center

    convenio Contact Center

    O proceso de negociación deste convenio, que afecta a 100 000 persoas —o 80 % mulleres—, foi longo e complicado polos numerosos factores que se sumaron ao longo destes anos, como a pandemia da covid 19, os cambios normativos en materia laboral no noso país e a irrupción do teletraballo, entre outros.

    Malia as pretensións iniciais da patronal de retroceder nalgúns aspectos, o compromiso dos traballadores e traballadoras coa súa participación nas mobilizacións e a aposta de CCOO e UGT pola profesionalización do sector conseguiron melloras substanciais respecto ao convenio anterior.

    O texto asinado hoxe recolle modificacións de grande alcance no modelo de contratación do sector, non só porque incorpora as novas modalidades contractuais introducidas pola reforma laboral, senón porque representa a estabilidade do emprego. As persoas que traballan no sector manterán o seu posto a través da subrogación, no caso de que o servizo para o que traballan cambie de empresa.

    O 80 % dos cadros de persoal terán contrato indefinido, polo que a incidencia da contratación temporal e da fixa descontinua será residual no sector, quedando limitado o tempo de inactividade para o persoal fixo descontinuo, de maneira que se garanta a cobranza da prestación por desemprego.

    A loita contra a precariedade, que neste sector incide maioritariamente nas mulleres, tradúcese no novo convenio nun compromiso de contratar polo menos o 70 % das persoas traballadoras con xornada superior a 30 horas semanais, e o 30 % deberán ser a tempo completo.

    O teletraballo, que chegou a afectar o 80 % do persoal do sector, debía ser regulado e compensado para evitar abusos e conflitos, polo que se ha garantir unha planificación da presencialidade e unha remuneración adecuada.

    Na actualización do salario tivo un gran protagonismo a suba do SMI pactada por CCOO e UGT co Goberno, que atangue os dous niveis salariais máis baixos do convenio. Pactouse unha suba salarial con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2022, que se traduce nunha diferenza na seguinte nómina desde a entrada en vigor do novo convenio do 7,09 % en relación co salario que se percibe actualmente. En 2024, o salario seguirá subindo un 3 %, mentres que para os últimos anos, ante a incerta evolución dos prezos no futuro, recupérase a referencia ao IPC con topes; polo tanto, no caso de o IPC se situar en niveis altos en 2025 e 2026, a suba en total durante a vixencia do convenio podería alcanzar o 18,19 %.

    Desde CCOO non podemos máis que mostrar a nosa satisfacción ante o acordo acadado e o noso agradecemento ás traballadoras e traballadores polo seu compromiso e confianza.