Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Xuño 2025.

CCOO denuncia a falta de compromiso da Xunta coa protección integral da infancia e da adolescencia no sistema educativo

    CCOO-Ensino denuncia a falta de compromiso da Xunta coa protección integral da infancia e da adolescencia no sistema educativo. Así o fai saber o sindicato tras a mesa sectorial docente non universitaria que tivo lugar este martes en Santiago de Compostela. A Administración presentoulles aos sindicatos unha proposta «insuficiente» para incorporar ao sistema educativo de Galicia as obrigas da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia.

    13/06/2023.
    Aula dun centro educativo | Foto: Pixabay

    Aula dun centro educativo | Foto: Pixabay

    A Federación do Ensino de CCOO esíxelle á Xunta que «abandone» o documento presentado hoxe e elabore un novo texto «que atenda as necesidades e demandas do noso sistema educativo».

    Para CCOO, é «inadmisible» que se pretenda que calquera docente poida asumir o rol de coordinador de benestar e convivencia nos centros educativos. Este papel inclúe atribucións «que van máis alá do ámbito interno, pois tamén implica establecer relacións con outras entidades e institucións, incluso forzas e corpos de seguridade do Estado, así como funcións de formación a pais e nais», sinala o sindicato.

    «Non podemos aceptar que se relegue esta responsabilidade a profesorado xa sobrecargado» porque na xornada laboral actual xa non hai tempo abondo para asumir máis tarefas, subliña Comisións, que pide «destinar persoal específico» para estes cometidos. «O criterio de CCOO é que tanto en Primaria como en Secundaria desenvolva estas tarefas algún membro adscrito ao departamento de orientación, mentres que en Secundaria e FP se podería encargar igualmente alguén da especialidade de Servizos á Comunidade».