Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Outubro 2025.

O sector das ambulancias mobilízase en Santiago e non descarta a folga

    Traballadoras e traballadores do sector das ambulancias, convocados por CCOO, UGT, CIG e USO, manifestáronse este xoves en Santiago de Compostela para esixir un convenio xusto. A decisión de mobilizarse adoptouse tras rematar sen acordo a sétima reunión para negociar o convenio colectivo autonómico.

    15/06/2023.
    Manifestación en Santiago de Compostela do persoal do sector das ambulancias

    Manifestación en Santiago de Compostela do persoal do sector das ambulancias

    Inicialmente, a patronal falara dunha negociación «rápida» pola urxencia dos novos concursos públicos, co obxectivo de ter «clarificado» antes o terreo laboral.

    Por esa razón, a parte sindical unificou as súas plataformas reivindicativas nunha soa, «para facilitar esa negociación». Porén, malia a sucesión de reunións, «seguimos sen poder aclarar nada e sen saber moi ben que lles explicar aos traballadores e traballadoras do sector» pola falta de concreción da parte empresarial.

    Os sindicatos lembran que xa demostraron abonda capacidade de negociación no sector das ambulancias «para resolver multitude de problemas», pero tamén a «forza mobilizadora cando é preciso».

    Por esta razón, coidan que «chegou o momento de saírmos á rúa» para esixir un convenio digno e unha suba salarial conforme co encarecemento do custo da vida. Se a patronal non rectifica, non descartan ter que chegar a unha folga.