Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Xullo 2025.

CCOO insta a Xunta a abordar «con urxencia» un plan sobre a evolución do emprego feminino en Galicia

    Coñecidos os datos do paro rexistrado do mes de agosto, Comisións Obreiras salienta que, malia á pequena suba do desemprego (280 persoas, un 0,22 %), o emprego —medido en termos de afiliación á Seguridade Social— sitúase en niveis do ano 2008, previos á última gran crise. Non obstante, a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, amosa a súa preocupación pola caída da contratación indefinida, «que require dun seguimento específico», e pola situación do emprego feminino.

    04/09/2023.
    Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

    Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

    Canto a esta última cuestión, a sindicalista sinala que, mentres o paro se reduce un 0,4 % entre os homes, aumenta un 0,7 % entre as mulleres, «consolidando a fenda de emprego». Na súa opinión, a Xunta debe abordar «con urxencia» un plan para avaliar a evolución do emprego feminino e mudar a situación actual.

    Así mesmo, Maica Bouza coida que os datos publicados hoxe constatan un «freo na creación de emprego» que se rexistrou nos meses anteriores, «ligado a contratación estival, como xa sucedeu en anos precedentes». De feito, «o desemprego medra só no sector dos servizos», subliña a sindicalista. Por esta mesma razón, CCOO leva anos demandando políticas sectoriais «adaptadas á realidade dos nosos sectores, especialmente nos servizos, orientadas cara a actividades de alto valor engadido».

    Datos do paro

    Os datos coñecidos hoxe indican que en agosto o paro rexistrado medrou en Galicia en 280 persoas (+0,22 %). Ao tempo, a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, cae en 11 269 afiliados e afiliadas (-1 %). Considerando os datos da afiliación media mensual, diminúe en 217 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior (-0,02 %). Daquela, o aumento do paro é inferior ao rexistrado no conxunto do Estado e a caída da afiliación tamén é menor.

    Malia esta suba, o dato do paro rexistrado, con 127 725 desempregadas e desempregados, «é o segundo máis baixo da serie histórica», expón Bouza. Con estas cifras, como xa se indicou, o nivel de emprego sitúase nos termos do 2008.

    Análise por sexos, idades e sectores

    En Galicia están no desemprego 51 517 homes (-215, un 0,4 % menos) e 76 208 mulleres (+495, un 0,7 % máis). Polo tanto, «seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres», apunta Bouza.

    Atendendo ás idades, hai 4722 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (+168) e 123 003 de máis de 25 (+112). Non obstante, en termos porcentuais o incremento na mocidade é superior que nas persoas maiores: 3,7 % fronte a 0,1 %.

    Canto aos sectores de actividade, o paro diminúe en todos agás nos servizos: no primario hai 89 persoas desempregadas menos, na industria 86 e na construción 56; mentres que nos servizos hai 517 máis. O colectivo sen emprego anterior redúcese en seis persoas.

    Análise da contratación

    No mes de agosto formalizáronse 64 507 contratos en Galicia (-15,02 %). O groso deles (48 147) foron temporais, por só 16 090 indefinidos. Con estes datos, a contratación indefinida reduciuse un 28,7 %, mentres que a temporal o fixo un 9,23 %.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación cae en 11 269 persoas, ata situarse en 1 063 614 afiliados e afiliadas; experimenta un retroceso do 1 % respecto do mes anterior. A afiliación media mensual redúcese en 217 persoas, o que sitúa o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 077 911. Deste total, 851 854 corresponden ao réxime xeral, 206 255 ao de autónomos e 19 802 ao réxime especial do mar. Non obstante, a afiliación media en Galicia increméntase un 0,02 %.

    Prestacións por desemprego

    En xullo cobraron algún tipo de prestación por desemprego 78 957 persoas: 37 380 prestacións contributivas e 41 577 subsidios.

    En relación cos ERTE do mes de agosto, hai que sinalar que o número de traballadores e traballadoras afectados ascende a 831 a final do mes, das cales 767 estaban en ERTE ETOP e 64 en ERTE de forza maior.