Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Outubro 2025.

O traballo é un factor determinante da saúde mental

    No Día Mundial da Saúde Mental, CCOO quere lembrar que o traballo e as condicións en que se desenvolve inflúen directamente na saúde mental das persoas traballadoras.

    10/10/2023.
    #EstamosATempo

    #EstamosATempo

    A pandemia puxo sobre a mesa os problemas de saúde mental da nosa sociedade; fixéronse visibles e están na axenda de discusión política e social. Paralelamente, comezou a xeneralizarse o debate sobre a relación entre saúde mental e traballo. Malia haber moitas evidencias científicas que apuntan ao traballo como unha das causas principais, son moi poucas as empresas que o abordan con medidas que vaian á raíz do problema, é dicir, cambiando as condicións de traballo que repercuten na saúde da poboación traballadora e, máis concretamente, cambiando as prácticas de xestión laboral que provocan a exposición nociva aos riscos psicosociais.

    A xuízo de CCOO, esta realidade é só unha visión cosmética e interesada que dilúe a responsabilidade empresarial e deixa indefensa a poboación traballadora.

    A evidencia sobre os problemas de saúde atribuíbles á exposición nociva aos riscos psicosociais de orixe laboral é moi extensa e de gran calidade desde o punto de vista científico. Diferentes estudos conclúen que a exposición a altas esixencias cuantitativas, baixa autonomía para realizar o traballo e baixas posibilidades de aplicar habilidades e coñecementos aumenta un 77 % as posibilidades de padecer depresión. Se a exposición é a alta inseguridade, as posibilidades aumentan un 61 % e se a exposición é a altas esixencias cuantitativas e baixas compensacións —baixo salario, baixo recoñecemento—, ata un 66 %. 

    España é o sexto país con maior exposición á alta tensión —combinación de altas esixencias e baixo control— e o segundo con peores niveis de inseguridade laboral: a depresión reduciríase un 8,63 % diminuíndo a alta tensión e un 13,44 % se se reducise a alta inseguridade.

    Son riscos derivados da organización do traballo que se poden evitar cambiando as prácticas empresariais de xestión laboral que os provocan, con actuacións como reducir as cargas de traballo —aumentando persoal—, limitar a inseguridade —fomentando o emprego estable—, establecer métodos de traballo participativos e obxectivos asumibles, reducir o conflito traballo/familia ou pagar salarios que permitan cubrir as necesidades familiares. En definitiva, asegurar unhas condicións de emprego e traballo dignas, para evitar e reducir a patoloxía mental.

    Desde CCOO seguimos constatando que no ámbito laboral apenas se actúa sobre as causas e, nos últimos tempos, mesmo asistimos a un intento de substituír a adecuada xestión dos riscos psicosociais con accións dirixidas á promoción da saúde mental. Propoñen facer a poboación traballadora máis resiliente, cando o idóneo —e legalmente esixible— é facer primeiro prevención e despois promoción.

    O proxecto de conclusións do Consello da Unión Europea sobre a saúde mental e o traballo precario —que se acaba de facer público— dános a razón e convida os Estados membros a promover políticas de emprego de calidade para combater a precariedade e a reflexionar sobre unha política adecuada para abordar os riscos psicosociais no traballo —baseada na Directiva Marco 89/391/CEE—. Todo isto, sen esquecer que o Consello da Unión Europea cita entre os seus documentos de referencia o Ditame do Comité Económico e Social Europeo de abril de 2023, que entre as súas conclusións aposta pola aprobación dunha Directiva de riscos psicosociais no traballo, na liña defendida polo movemento sindical europeo.

    Traballar para mellorar a saúde mental nos centros de traballo si, pero cumprindo a normativa vixente en saúde e seguridade, é dicir, actuando sobre as condicións de emprego e traballo, moldeando as prácticas de xestión laboral para promover un traballo decente, saudable, máis xusto e democrático. Neste día da Saúde Mental, esiximos unha prevención de riscos laborais integral e de calidade que, baseada nunha adecuada avaliación, elimine e actúe ante esta praga sociolaboral chamada riscos psicosociais.