Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Maio 2024.

Concentracións diante das sedes de CCOO en solidariedade co pobo palestino

    Este luns, 23 de outubro, ás 12 horas, houbo concentracións diante das sedes de CCOO de Galicia en solidariedade co pobo palestino. A secretaria xeral, Amelia Pérez, participou desde Vigo.

    23/10/2023.
    Concentración de apoio ao pobo palestino diante da sede comarcal de CCOO en Vigo

    Concentración de apoio ao pobo palestino diante da sede comarcal de CCOO en Vigo

    O sindicato, tanto no ámbito confederal como nacional, reproba a violencia terrorista de Hamás, así como a escalada belicista de Israel contra o pobo palestino.

    Israel mantén desde hai décadas unha ocupación brutal sobre Gaza e Cisxordania —incluído Xerusalén leste— e unha masiva colonización de amplos territorios pertencentes ao pobo palestino, onde son constantes as violacións dos dereitos humanos.

    Israel tamén incumpriu reiteradamente todas as resolucións das Nacións Unidas sobre Palestina, síntoma do fracaso da comunidade internacional á hora de facer cumprir os compromisos adquiridos co pobo palestino.

    Para CCOO, garantir a paz debe ser o obxectivo principal, mais para alcanzala —e que sexa duradeira e xusta— é preciso acatar os principios xurídicos dos acordos e consensos internacionais, conculcados de maneira permanente, e recuperar o principio de autodeterminación do pobo palestino.

    CCOO coida imprescindible a presión política e social internacional para conseguir este fin. O Goberno de España —que este semestre asume a presidencia do Consello da UE— debe liderar no ámbito internacional, tanto na Unión Europea como perante as Nacións Unidas e outros foros internacionais, unha postura firme para garantir o respecto ao dereito internacional.