Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Novembro 2024.

Milleiros de persoas manifestáronse a prol doutras políticas para garantir unha sanidade pública de calidade

    Milleiros de persoas mobilizáronse o domingo, 4 de febreiro, por varias rúas de Santiago de Compostela. A manifestación, que rematou na praza do Obradoiro, congregou unha numerosa multitude que clamou por un cambio de políticas para garantir unha atención sanitaria pública de calidade.

    05/02/2024.

    URL | Código para insertar

    Representación de CCOO na manifestación de SOS Sanidade Pública (4/2/2024)

    Representación de CCOO na manifestación de SOS Sanidade Pública (4/2/2024)

    SOS Sanidade esixe a adopción de trece medidas «urxentes» a prol da sanidade «que queremos e merecemos» en Galicia. Entre outras, cabe salientar o incremento da atención primaria de xeito que represente o 25 % do total do gasto sanitario público, en liña coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde.

    Tamén pide o aumento de persoal de medicina de familia, pediatría e enfermaría; a apertura dos centros de saúde pechados e a creción doutros novos onde for preciso; aumentar o número de ambulancias asistenciais e medicalizadas; un plan para racionalizar as listaxes de espera hospitalarias ou garantir que a atención médica e control da saúde das persoas dependentes se faga na sanidade pública.

    Outras peticións da Plataforma son a volta ao sistema público dos servizos privatizados —neste sentido, menciona explicitamente o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo—; erradicar as prácticas clientelares na xestión; restablecer as xerencias de atención primaria, dotándoas ao tempo de capacidade resolutiva e orzamento propio; ou reorientar o sistema para un modelo comunitario e participativo.

    Finalmente, SOS Sanidade insta a elaborar de xeito consensuado un Plan de saúde mental; dar cabo da precariedade laboral no sistema sanitario público; e, por último, «desmedicalizar» o sistema, acabando co uso «irracional e abusivo» dos fármacos e das novas tecnoloxías.