Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Outubro 2024.

O Supremo estima que os convenios colectivos hanse aplicar a todo o persoal da empresa, mesmo cando non estea recollida a categoría profesional

    O Tribunal Supremo dálle a razón a unha traballadora defendida pola asesoría xurídica de CCOO de Lugo e estima que os convenios colectivos hanse aplicar a todos os traballadores e traballadoras dunha empresa, incluso nos casos en que a súa categoría profesional non estea recollida.

    23/02/2024.
    O Tribunal Supremo estimou o recurso presentado pola asesoría xurídica de CCOO

    O Tribunal Supremo estimou o recurso presentado pola asesoría xurídica de CCOO

    O pronunciamento do alto tribunal anula o fallo do Xulgado do Social de Lugo e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que inicialmente desestimaran as pretensións dunha traballadora que prestaba servizos no Grupo Municipal de Intervención Rápida (GRUMIR) de Viveiro.

    Esta traballadora facía tarefas de peoa, categoría profesional non recollida no convenio colectivo. Por esta razón, reclamaba a diferenza entre o seu soldo e o da categoría profesional máis baixa do dito convenio, a de limpadora.

    Neste recurso de casación para a unificación de doutrina, o Supremo cita a súa «reiterada doutrina» conforme a que a traballadora se deberá cinguir ao establecido no contrato de traballo «só cando o Concello careza de convenio colectivo propio».

    Así mesmo, «tampouco se pode eximir da aplicación do convenio colectivo ao traballador polo feito de que a súa categoría profesional non figure no dito convenio» —subliña o alto tribunal—. Neste sentido, considera que é unha obriga do Concello determinar «o grupo ou categoría de máis axeitada asignación ao traballador».

    Por todo isto, o tribunal conclúe que «o que non cabe é que, por non figurar no convenio colectivo a categoría asignada ao traballador, a entidade empregadora deixe de aplicar a ese traballador un convenio colectivo que está constitucional e legalmente obrigada a aplicar».

    A empresa está obrigada a asignar unha categoría

    Desde CCOO congratúlanse pola decisión do Tribunal Supremo, xa que non pode quedar en mans da empresa decidir que salario lle vai pagar a unha profesional só polo feito de que a categoría non se recolla expresamente no convenio. «O convenio aplícase a todo o persoal e é obriga da empregadora encadrar perfectamente os traballadores e traballadoras na categoría que corresponda», incide o sindicato.

    Neste caso concreto, CCOO defendeu que a denunciante cobrase cando menos o salario da categoría máis baixa do convenio colectivo —superior ao que ela viña percibindo—, malia que non fose posible establecer unha comparación en canto a funcións, «pero o convenio tense que aplicar porque é a norma mínima».

    Agora, o Concello de Viveiro debe pagarlle á traballadora a diferenza de salarios entre o que cobraba e debe percibir na categoría a que está obrigada a encadrala a Administración local, cifra que ascende a case 8000 euros.