Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

CCOO esíxelle á nova Xunta unha mesa de diálogo social para abordar a situación do sistema de atención á dependencia

    Comisións Obreiras presentou este luns nunha conferencia de prensa as conclusións do Observatorio social de las personas mayores 2023, un estudo realizado pola Fundación 1º de Mayo e a Federación estatal de Pensionistas de CCOO. En palabras de Maica Bouza, secretaria de Política Social de CCOO de Galicia, este amplo e completo informe «fai un repaso de cal é a situación do Estado do benestar en España».

    26/02/2024.
    De esquerda a dereita, Juan Sepúlveda, Maica Bouza e Xoán C. Aneiros

    De esquerda a dereita, Juan Sepúlveda, Maica Bouza e Xoán C. Aneiros

    A principal eiva que se pode constatar no documento «é a necesidade de atender e revisar a situación do sistema de atención á dependencia (SAAD)» en Galicia, apuntou a sindicalista. Bouza abundou que na comunidade hai unhas 70 000 persoas titulares dunha prestación por dependencia, pero ao tempo hai máis de 700 000 persoas maiores de 65 anos, das cales máis de 400 000 serían susceptibles de ser dependentes. «Isto é, só 17 de cada 100 persoas dependentes estaría na percibir unha prestación, cando no conxunto do Estado é o 30 %».

    CCOO defende a desinstitucionalización, que as persoas dependentes «que queiran e poidan» permanezan na súa casa, atendidas por persoas «ligadas aos servizos públicos que traballen en condicións dignas para poder ofertar servizos de calidade».

    Bouza comparou a situación a nivel estatal, onde se foron asinando distintos acordos, coa galega. «No Estado temos unha mesa de diálogo social onde se acordaron as medidas necesarias, pero en Galicia non somos quen de sentar a conselleira de Política Social nunha mesa» para analizar a situación do SAAD. Comisións amosa a súa «preocupación» tanto pola situación das persoas dependentes como polo persoal que traballa nas residencias e nos servizos de axuda ao fogar.

    «A situación en moitos centros e servizos non é boa», apuntou a secretaria de Política Social de CCOO. E o persoal do sector «padece unha gran carga de traballo físico e padece moito risco psicosocial», alertou. Por todo isto, Comisións demándalle ao novo Goberno galego «que de maneira urxente abra un ámbito de diálogo social para analizar e poñer medidas no SAAD».

    As pensións galegas, das máis baixas

    Juan Sepúlveda, secretario xeral da Federación estatal de Pensionistas de CCOO (FPJ-CCOO), explicou que as pensións en Galicia están entre as máis baixas do Estado, só por diante das de Estremadura e Murcia. Advertiu, tamén, sobre a «fenda de xénero» nas prestacións, pois as pensións das mulleres son notablemente inferiores ás dos homes.

    Ao respecto, Maica Bouza puxo en valor os distintos acordos asinados no Estado por CCOO. Entre eles, o cambio no sistema de revalorización das pensións —pasando do 0,25 % a estar vinculado ao IPC—, de maneira que as pensións galegas aumentaron 77 euros ao mes, cando co sistema anterior só subirían tres.

    Tamén, como parte do acordo das pensións, o complemento para as pensións mínimas irase incrementando anualmente para que non haxa ningunha por baixo do salario medio de cada Estado. «Isto é moi importante en Galicia, unha das comunidades con máis complementos a mínimos». Bouza tamén enfatizou a importancia do complemento para reducir a fenda de xénero, que no 2022 percibían 40 000 mulleres.

    Por último, a secretaria de Política Social de CCOO aplaudiu a repercusión positiva d a reforma laboral, que mellorou o acceso e mantemento das mulleres no mercado de traballo, «o que tamén terá impacto na súa pensión futura e contribuirá a reducir a fenda de xénero nas pensións», explicou a sindicalista. «E o mesmo se pode dicir do acordo para subir o salario mínimo», concluíu.