Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Outubro 2024.

CCOO entrega os Premios 10 de Marzo a Xosé Manuel Sánchez Aguión, Dolores Fernández Galiño e José Antonio Uris Guisantes

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) e a Fundación 10 de Marzo entregan o próximo sábado, día 2, os Premios 10 de Marzo, cos que cada ano se destacan traxectorias vitais e profesionais comprometidas coa loita polas liberdades e polos dereitos da clase traballadora. Nesta 33.ª edición serán galardoados Xosé Manuel Sánchez Aguión, María Dolores Fernández Galiño e José Antonio Uris Guisantes.

    29/02/2024.
    Premios 10 de Marzo 2024: María Dolores Fernández Galiño, Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Uris Guisantes

    Premios 10 de Marzo 2024: María Dolores Fernández Galiño, Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Uris Guisantes

    O acto comezará ás 11:30 horas, presentado pola xornalista Aida Pena. Poderase seguir a retransmisión na canle de YouTube do sindicato.

    Convidados confirmados

    Ademais do propio Sordo, confirmaron a asistencia a esta entrega de premios, entre outros, o deputado do Grupo Parlamentario Plurinacional SUMAR, Manuel Lago; a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha; o director territorial da Inspección de Traballo, Demetrio Fernández; o presidente do CES-Galicia, Manuel Pérez; a secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais, Cristina Fabeiro; o secretario xeral de UGT, José Antonio Gómez, e o secretario de Organización, José Luis Celis; o presidente da Fundación Luis Tilve, José Benito Núñez; a adxunta á valedora do Pobo, María Xosé Porteiro; e Carlos Gutiérrez, secretario de Estudos da Confederación sindical de CCOO.

    Perfís biográficos das persoas premiadas

    Xosé Manuel Sánchez Aguión

    Nado en Boimorto en 1956, sendo moi novo a súa familia trasladouse á Coruña. Formouse como capataz agrícola en Bergondo e tería os primeiros contactos coa esquerda e o sindicalismo a través dun técnico do Ministerio de Agricultura. En 1977 afiliouse a CCOO, sindicato onde desempeñaría diferentes responsabilidades. Entre os anos oitenta e noventa dirixiu a Federación de Alimentación, máis tarde a secretaría xeral da Unión comarcal da Coruña.

    Entre 1996 e 2009 tivo diferentes cargos de responsabilidade no Sindicato Nacional de CCOO, primeiro con Suso Díaz e máis tarde con Xan María Castro. En marzo do 2009 foi elixido secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, que revalidaría catro anos máis tarde, finalizando o seu mandato en maio do 2017.

    María Dolores Fernández Galiño

    Nada no Carballiño en 1963, alí pasou a infancia e a mocidade. Aos 18 anos foi estudar a carreira de Dereito a Santiago de Compostela. Tras opositar á xudicatura, o seu primeiro destino foi a comezos dos noventa en Ponteareas, e xa en 1992 tomou posesión no Xulgado do Social 2 de Pontevedra, onde foi por un tempo a única muller maxistrada con destino na cidade. No xulgado tivo contacto máis próximo coas relacións laborais e cos sindicatos, especialmente con CCOO.

    Entre o 2001 e o 2019 estivo destinada na Audiencia Provincial da Coruña; alí tivo ocasión de coñecer de accidentes de traballo, de acosos sexuais no traballo e outros delitos contra os dereitos das persoas traballadoras. No ano 2019 foi designada Valedora do Pobo de Galicia, desde onde asumiu o compromiso de facer do feminismo e da loita pola igualdade un dos sinais de identidade da institución.

    José Antonio Uris Guisantes

    Coñecido por todo o mundo como Uris, naceu na década dos corenta na Guarda. Mancebo de botica desde a adolescencia, e nun tempo en que non había profesionais da enfermería, puxo da súa parte por axudar a veciñanza. Nos primeiros tempos democráticos implicouse activamente na vida sindical a través de CCOO da Guarda. Aquí fúndanse asociacións de carácter cultural, político e de memoria. Nace a Comisión Cidadá Pro-Fosa Común de Sestás que preside Manuel Domínguez Taxota e na que Uris ten parte moi activa.