Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Abril 2024.

A Subdelegación do Goberno na Coruña premia o labor do sindicalismo de clase pola igualdade

    Este martes, 12 de marzo, a Subdelegación do Goberno na Coruña organizou a xornada ‘Sindicalismo e feminismo: unha senda indisoluble’. Neste acto, ademais, premiouse o traballo de CCOO e de UGT na loita pola igualdade.

    12/03/2024.
    No centro, Amelia Pérez, recollendo o galardón canda membros da Comisión Executiva Nacional e outras compañeiras do sindicato

    No centro, Amelia Pérez, recollendo o galardón canda membros da Comisión Executiva Nacional e outras compañeiras do sindicato

    Na súa intervención ao recoller o premio, a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, cualificou como «unha honra» que o sindicato reciba esta distinción.

    Citando a pensadora feminista Simone de Beauvoir, Pérez subliñou que «o feminismo é un xeito de vivir individualmente e loitar colectivamente». Precisamente, «esta loita colectiva é a que levamos facendo moitos anos nas Comisións Obreiras», declarou.

    Exemplo dese compromiso está a modificación estatutaria realizada no último Congreso, onde se fixo constar expresamente «que somos un sindicato feminista». Así mesmo, comprometeuse a que a organización seguirá «traballando pola igualdade de oportunidades de homes e mulleres», tanto por convicción como «por responsabilidade» coas compañeiras «que foron abrindo xanelas e portas ao longo de todos estes anos, das cales somos herdeiras». «Agora tócanos a nós continuar esta loita», enfatizou.