Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO apoiou o sector da dobraxe na manifestación «pola dignidade» profesional

    Comisións Obreiras (CCOO) participou o domingo, 17 de marzo, na manifestación «pola dignidade» do sector da dobraxe. A marcha convocárona Artistas da Dobraxe e os sindicatos CCOO, CIG e UGT.

    18/03/2024.
    Manifestación do sector da dobraxe nas rúas de Santiago de Compostela

    Manifestación do sector da dobraxe nas rúas de Santiago de Compostela

    Comisións lembra que este sector dá emprego directo a unhas trescentas persoas, entre actores e actrices de dobraxe, produción e persoal técnico, cuxas condicións regulan un convenio colectivo e táboas salariais que datan do 2006 «e por riba non se cumpren», denuncia Teté Pérez, voceira de CCOO.

    No caso dos actores e actrices, a principal reivindicación é que se cumpra o acordado, que é cando menos o recollido nas tarifas do ano 2006. «Actualmente estanse a cumprir na dobraxe en galego, pero na dobraxe en castelán está xeneralizado o incumprimento», sinala Teté Pérez.

    Canto ao persoal técnico, unha das queixas máis frecuentes é a inestabilidade laboral, así como a fraude na contratación. «Xa hai diversas demandas contra o uso abusivo dos contratos artísticos para este tipo de persoal, que aínda se están a facer malia as restricións establecidas na última reforma laboral», explica a sindicalista.

    CCOO e o resto de organizacións que convocaron a manifestación reivindican que o cumprimento íntegro do convenio é un primeiro paso na loita pola dignidade do sector, pero o seguinte paso é actualizar o convenio e as «obsoletas» táboas salariais «para adecualas á realidade do 2024».