Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 30 Abril 2024.

Unha sentenza obriga a readmitir o delegado de CCOO no comité da empresa de JEALSA

    Amais de readmitir o traballador, a empresa ten a obriga de aboar máis dun ano de salarios, así como unha indemnización de 50 000 euros polas represalias e vulneración do dereito constitucional á liberdade sindical.

    04/04/2024.
    Traballadoras do sector da conserva

    Traballadoras do sector da conserva

    O Xulgado do Social número 4 de Santiago dá a razón aos servizos xurídicos de Comisións Obreiras e declara nulo o despedimento dun membro do comité de empresa de Jealsa e secretario xeral da Sección Sindical de CCOO. Na dita causa, a Federación de Industria de CCOO acudiu como coadxuvante do delegado despedido.

    Neste caso concreto, o órgano xudicial soubo ver as artimañas urdidas pola mercantil e afirma: «A empresa xerou e permitiu un escenario propicio para proceder ao despedimento do traballador». A sentenza, así mesmo, aprecia sen lugar a dúbidas que a escenificación e planificación do despedimento se vincula directamente á importante actividade sindical do traballador, tanto dentro da súa empresa como membro electo da representación dos traballadores como no sector.

    CCOO xa denunciou hai máis dun ano as situacións de acoso sindical que se están producir en empresas do sector conserveiro. Achaca esta persecución á dura posición que CCOO mantivo no asinamento dos dous últimos convenios do sector conserveiro e nas fortes campañas levadas a cabo co obxectivo de recuperar dereitos para o conxunto de traballadoras e traballadores deste sector, para acabar coa importante fenda salarial que se manifesta nun sector tan feminizado.

    Con esta sentenza, CCOO demostra que cómpre combater e que se pode gañar a estas empresas que practican unha política antisindical de represalias, persecucións e ameazas con tal de baleirar de contido o labor de defensa dos dereitos das persoas traballadoras que desenvolvemos os sindicatos a través da nosa representación.