Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Novembro 2024.

Alcoa presenta a venda como única solución para San Cibrao e o comité esixe que a Xunta e o Goberno supervisen o proceso

    Este xoves tivo lugar en Madrid a décimo sétima reunión de seguimento do acordo de viabilidade da fábrica de Alcoa-San Cibrao. Nesta xuntanza, a multinacional estadounidense presentou a venda como a única solución para o complexo da Mariña, principalmente alegando o esgotamento dos fondos de que dispón.

    04/04/2024.
    Pancarta esixindo solucións para Alcoa San Cibrao | Fonte: Arquivo CCOO

    Pancarta esixindo solucións para Alcoa San Cibrao | Fonte: Arquivo CCOO

    Neste contexto, o comité de empresa, presidido por CCOO, advertiu que a venda só se pode producir co Goberno de España e a Xunta de Galicia «vixiando todo o proceso e sendo parte e responsables en calquera decisión final».

    Desde o comité subliñan que «non pode ser Alcoa a que decida a quen vende», un matiz «moi importante» para garantir a viabilidade da fábrica.

    Empresa en crise

    Segundo explicou o Goberno de España, houbo reunións previas entre a compañía e as Administracións. A conclusión é que se trata dunha empresa en crise, polo que non pode recibir axudas, nin sequera as de compensación por dióxido de carbono, e que a empresa se abría a unha posible venda.

    Segundo Alcoa, na segunda metade do ano esgotaranse os fondos e poderíase chegar a considerar unha situación de insolvencia. Porén, segundo explicaron, hai compradores interesados no complexo de San Cibrao e comezarán a recibir ofertas «non vinculantes» a mediados de maio e «vinculantes» a mediados de xuño.

    Desde o Goberno de España esixíronlle á multinacional «concrecións» canto aos tempos previstos para o proceso de venda, así como o requisito de que o potencial comprador teña vocación de continuidade, ademais de «acompañar en todo o necesario».

    Pola súa parte, a Xunta de Galicia amosouse a favor de apoiar «con todos os instrumentos necesarios», participando «de maneira activa» no proceso de venda.

    Próxima reunión

    Por este motivo, a vindeira semana haberá unha xuntanza entre a empresa e ambos os dous Gobernos para estudaren conxuntamente a relación de posibles adquisidores. Con todo, o comité fixou entre as súas liñas vermellas a negativa a que se modifique o acordo de viabilidade. Así mesmo, a representación legal do persoal esixe a creación «inmediata» dunha mesa técnica para tratar o relativo á balsa de lodos vermellos e os parques eólicos que fornecerían enerxía para a planta.