Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Outubro 2024.

Axudas de emerxencia social para persoas emigrantes españolas de orixe galega residentes en América

    O último número do CCOO Informa resume as características, requisitos e prazo de presentación para optar ás axudas emerxencia social para persoas emigrantes españolas de orixe galega residentes en América. O prazo para solicitalas comeza este venres, día 5 de abril, e remata no mes de outubro.

    05/04/2024.
    Axudas de emerxencia social para persoas emigrantes

    Axudas de emerxencia social para persoas emigrantes

    Estas axudas consisten nunha prestación económica a persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega residentes en América con escasos recursos, para atender situacións de emerxencia social derivadas de circunstancias extraordinarias sobrevindas nos últimos 12 meses.

    Vai dirixida a cubrir gastos específicos para aliviar a situación de necesidade en tres ámbitos principais: condicións básicas de subsistencia —como a alimentación ou a educación—, condicións de vivenda —deterioración grave, falta de equipamento ou dotacións esenciais—, así como condicións de saúde e benestar social.

    Cada persoa solicitante só poderá pedir unha axuda por un único suposto.

    Poderán pedir estas axudas as persoas emigrantes galegas e os seus fillos/as que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior. Para os efectos desta norma, teñen a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou acrediten que residiron en Galicia de forma continuada durante dez anos, con nacionalidade española, así como tamén os seus fillos/as que teñan nacionalidade española e que se atopen vinculados/as con calquera concello galego no padrón de españois residentes no exterior (PERE) desde, polo menos, 3 meses antes á presentación da solicitude.

    Contía das axudas

    A contía por persoa beneficiaria non poderá ser inferior a 500 € nin exceder de 3000 €. Dentro deses límites, determinarase en función dos seguintes criterios:

    — Para as solicitudes orientadas a paliar necesidades básicas de subsistencia, as contías corresponderanse co 30 % do importe determinado para o cálculo da prestación por razón de necesidade (PRN) de 2024 no país de residencia da persoa solicitante.

    — Para as solicitudes orientadas a paliar necesidades de adecuación da vivenda habitual, sanitarias ou asistenciais derivadas de problemas ou de violencia no seo da unidade familiar, a contía corresponderase co 80 % dos gastos subvencionables xustificados.

    Prazo de presentación de solicitudes

    O prazo de presentación de solicitudes destas axudas será desde o 5 de abril ata o 15 de outubro de 2024. Presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

    As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican na convocatoria.

    Máis información no CCOO Informa n.º 15/24, que se xunta a esta nota informativa.