Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Maio 2024.

CCOO presenta unha campaña de prevención de riscos no sector da construción

    A Federación de CCOO do Hábitat presentou este venres unha campaña de prevención de riscos laborais no sector da construción en Galicia, o segundo que maiores taxas de sinistralidade presenta no ámbito estatal. Na comparecencia perante os medios de comunicación interviñeron Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO-Hábitat de Galicia, Aída Suárez, responsable estatal de Saúde Laboral de CCOO-Hábitat, e Rodrigo Ponte, responsable do sector da Construción de CCOO na Coruña.

    19/04/2024.
    De esq. a der., Rodrigo Ponte, Alejandra Gesto e Aída Suárez

    De esq. a der., Rodrigo Ponte, Alejandra Gesto e Aída Suárez

    Alejandra Gesto explicou que a principal causa de accidente no sector da construción en Galicia son as caídas en altura, seguida dos atropelos e dos atrapamentos. Malia que os accidentes leves e graves rexistraron un descenso nos dous últimos anos, nos mortais houbo «unha repunta moi preocupante», pois pasa de haber un cada 40 días de traballo efectivo no 2022 —seis falecidos— a un cada cinco só no primeiro trimestre deste ano —dez pasamentos nos tres primeiros meses.

    Ante estes datos, o sindicato intensificará a campaña de visitas ás obras que anunciou semanas atrás, co obxectivo de chegar ás duascentas por provincia antes do remate do ano. «Debido a estes datos tan alarmantes, adiantarémolas o máximo posible», indicou Gesto, ao tempo que informou de que, a día de hoxe, «xa pasamos das 50 visitas por provincia».

    A principal conclusión destas primeiras comprobacións a pé de obra é que, tanto na civil como na nova construción, é xeneralizado o cumprimento da normativa de prevención de riscos, pero non así na rehabilitación de edificios, onde se detectaron problemas relativos ao modelo e tipo de arneses e mais ao uso das liñas de vida. «Teremos proximamente unha reunión coa Inspección de Traballo para trasladarlle esta cuestión», sinalou a secretaria xeral de CCOO-Hábitat.

    Pola súa banda, Aída Suárez salientou a importancia das campañas de prevención de riscos na construción, pois é o segundo sector con máis accidentabilidade no Estado, «destacando negativamente a situación de Galicia», subliñou.

    Ademais, aproveitou para presentar a campaña estatal de prevención ante as temperaturas extremas. Baixo o lema «ante as ondas de calor, esixe prevención», CCOO pretende minimizar os riscos derivados da exposición ás altas temperaturas e protexer a seguridade e saúde das persoas traballadoras que desenvolven actividades á intemperie ou en locais non climatizados.

    O sindicato continúa en contacto coas Administracións e coas empresas para acordar protocolos de actuación en materia preventiva ante temperaturas extremas nos distintos sectores que forman parte de CCOO-Hábitat e de xeito singular na construción.

    Aída Suárez lembrou que desde o ano pasado está en vigor o RDL 4/2023, polo que se regulan as condicións ambientais no traballo ao aire libre, o cal establece a obrigatoriedade de reducir ou modificar a xornada laboral nos casos de alertas de nivel laranxa ou vermello cando as medidas existentes son insuficientes.

    Instou tamén a que se negocien «urxentemente» protocolos de actuación ante a previsión de altas temperaturas antes de que chegue o período estival, pois a anticipación é clave na prevención de riscos.