Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Maio 2024.

CCOO congratúlase polos bos datos de emprego pero insta a Xunta a tomar medidas para equipararse coa media estatal

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia congratúlase polos bos datos que revelan este luns as estatísticas do paro rexistrado do mes de abril. O desemprego diminúe a mínimos históricos, 126 334 persoas desempregadas, e aumenta a afiliación á Seguridade Social tanto en Galicia como no Estado. Porén, a comunidade autónoma rexistra un mes máis peores datos ca a media estatal, polo que o sindicato insta a Xunta a actuar, aproveitando as súas competencias en políticas activas de emprego.

    06/05/2024.
    CCOO sinala que os datos de emprego, malia seren positivos, son peores que a media estatal

    CCOO sinala que os datos de emprego, malia seren positivos, son peores que a media estatal

    A secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, sinala que no último mes se seguiu creando emprego, «aínda que con menor intensidade que en marzo», malia que Galicia conta co mesmo marco lexislativo ca outras comunidades autónomas. «A afiliación sobe e marca fitos históricos no Estado, pero en Galicia aínda estamos 20 000 empregos por debaixo dos máximos acadados no 2008», subliña Bouza.

    Por este motivo, a sindicalista coida que a Xunta de Galicia debería «preocuparse máis de gobernar en vez de apoiar as estratexias do PP no ámbito estatal».

    Baixa o paro, sobe a afiliación

    A evolución do emprego, tanto por sexos como por sectores, «evidencia que os datos que hoxe coñecemos responden en boa medida á contratación da campaña de Semana Santa», afirma Maica Bouza. Deste xeito, tomando como referencia a afiliación ao réxime xeral e ao de autónomos, «catro de cada dez empregos corresponden á hostalaría e dous a actividades profesionais e administrativas», abunda.

    En abril, o paro rexistrado reduciuse en Galicia en 2677 persoas, un 2,08 %, e a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha suba de 4056 afiliados e afiliadas (0,38 %). Tomando os datos da afiliación media mensual, aumenta en 6790 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior (0,63 %).

    En Galicia están no desemprego 52 995 homes (–1664) e 73 339 mulleres (–1013). Malia que o desemprego diminúe nos dous casos, seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres, persistindo un mes máis a fenda de xénero neste aspecto. Atendendo ás idades, hai 5025 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (–288) e 121 309 maiores desa idade (–2389).

    Por sectores, o paro diminuíu en todos: caeu en 1814 nos servizos, 281 na industria, outro tanto na construción e 143 no primario. O colectivo sen emprego anterior diminuíu tamén en 158 persoas.

    Análise da contratación

    No mes de abril formalizáronse 56 455 contratos en Galicia (+13,05 %) e, aínda que o groso deles son temporais —37455 fronte a 19000 indefinidos—, cómpre subliñar que tres de cada dez contratos son agora indefinidos. O volume de contratos rexistrados foi un 13,05 % superior aos formalizados no mes precedente: a contratación indefinida sobe un 7,6 % —a temporal, un 16,03 %.

    Non obstante, «un mes máis temos que destacar o menor compromiso do sector empresarial galego co emprego de calidade», lamenta a secretaria de Emprego de CCOO, «pois 37 de cada cen contratos son indefinidos, cifra que no Estado se eleva a 44 de cada cen».

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación increméntase en 4056 persoas, ata situarse en 1 067 327 afiliados e afiliadas, o que supón unha suba do 0,38 % respecto do mes anterior. A afiliación media mensual aumenta en 6790 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 068 335. Deste total, 844 345 corresponden ao réxime xeral, 205 164 ao de autónomos e 18 825 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia increméntase un 0,63%.

    Prestacións por desemprego e ERTE

    En abril cobraron algún tipo de prestación por desemprego 84 242 persoas: 38 720 prestacións contributivas e 45 522 subsidios.

    En relación aos erte do mes de abril, hai que sinalar que este mecanismo daba cobertura a 880 persoas a final do mes, das cales 604 estaban en erte etop —causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción— e 276 en erte de forza maior.