Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Xullo 2024.

Un acordo que mellora a protección das persoas traballadoras

    Máis de 200 000 galegos e galegas beneficiaranse do aumento de contías e cobertura da prestación asistencial por desemprego.

    11/05/2024.
    Subsidios máis elevados e máis persoas protexidas

    Subsidios máis elevados e máis persoas protexidas

    O Acordo acadado no marco de diálogo social —logo dun primeiro intento errado fóra deste marco de concertación no que o RD Lei 7/2023 non superou a validación parlamentaria— mellora a protección das persoas traballadoras ao aumentar o número delas cubertas e as contías das prestacións nos doce primeiros meses de subsidio.

    O conxunto de medidas acordadas mellorará a protección social de máis de 200 000 galegos e galegas, especialmente entre os colectivos con máis precariedade e cunha importante presenza de mulleres, menores de 45 anos sen cargas familiares, emigrantes retornadas e mulleres que sufriron violencia de xénero ou sexual, entre outras.

    Esta medida aumentará a protección social de todas as persoas que sexan beneficiarias dalgún subsidio por desemprego, que actualmente son 41 000 en Galicia, e das 154 000 persoas que agora mesmo traballan a tempo parcial. Destas últimas, un 75 % son mulleres (115 500).

    Entre a ampliación de colectivos cubertos destacan as persoas menores de 45 anos sen cargas familiares que esgotan prestacións, as vítimas de violencia sexual, as emigrantes retornadas e as que, sen ter cargas familiares, non poden acreditar doce meses cotizados para acceder ás prestacións contributivas (o que beneficia maiormente as persoas novas). Amplíase tamén a cobertura ao permitir o acceso das parellas de feito á unidade familiar.

    Destaca, por último e entre outras cousas, que se facilita o cumprimento do requisito de insuficiencia de rendas ao permitir o acceso tanto por insuficiencia de rendas persoais como de rendas da unidade familiar, alternativamente.

    Para CCOO, esta reforma supón unha mellora substancial da protección por desemprego asistencial que se debe completar de maneira urxente coa revalorización do IPREM (indicador público de renda de efectos múltiples) que determina as contías das prestacións asistenciais e coa revisión dos requisitos de acceso ao ingreso mínimo vital (IMV) de todos os colectivos con dificultades de cobertura nesa prestación, incluídos os actuais beneficiarios do subsidio que, cando o esgoten, pasarán ao IMV.

    CCOO lamenta que a CIG se alíe cos empresarios e a dereita política e critique, unha vez máis, unha reforma que garante a contía completa do subsidio a todas as persoas desempregadas, con independencia do seu tipo de contrato. A nova reforma do subsidio derroga a medida imposta na reforma laboral do PP en 2012 que reducía as contías dos subsidios proporcionalmente á porcentaxe de xornada do último contrato de traballo que tivo a persoa traballadora.