Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Maio 2024.

CCOO rexeita a proposta de convenio na sanidade privada de Lugo por prolongar unha década de conxelación salarial

    O sector de Sanidade Privada de CCOO de Lugo rexeita a proposta de convenio provincial para este ámbito, que está disposto asinar a UGT, mantendo o persoal unha década cos salarios conxelados e perdendo poder adquisitivo cada ano que pasa. Segundo Comisións Obreiras, máis de catrocentas persoas dependen deste convenio, das cales unhas 250 traballan en Ribera-Polusa e Quirón.

    14/05/2024.
    Hospital Ribera Polusa, en Lugo

    Hospital Ribera Polusa, en Lugo

    O actual convenio leva caducado desde o 2016, polo que xa son oito anos sen revalorización dos salarios. A patronal fixo unha proposta e a UGT, sindicato maioritario no ámbito, amosou a súa disposición a aceptala, mesmo que signifique actuar de costas ao resto de organizacións e perder poder adquisitivo.

    Ademais da conxelación salarial, CCOO coida «un insulto» que a proposta prevexa o traballo gratis os domingos ou aboar só 15 euros por traballar en festivos. Isto, ao tempo que as grandes empresas do sector —Ribera e Quirón— facturan millóns de euros grazas aos ingresos fixos que perciben polos concertos sanitarios.

    «No momento de mellor facturación das empresas, as condicións que propoñen resultan unha aldraxe aos traballadores e traballadoras da sanidade privada», denuncia Carlos Díaz, responsable de CCOO na sanidade privada de Lugo.

    Por último, acusa a UGT de poñerse do lado das empresas en vez de estar a carón dos traballadores e traballadoras do sector, e critica que «pretendan branquear a súa decisión» cunha «votación sen garantías na súa sede, sen posibilidade de verificación por parte doutros sindicatos».